O cruceiro de Donramiro precisa pasar por quirófano

O elemento relixioso, que data de finais do século XIX, amosa importantes danos na base que comprometen a súa seguridade

Imaxe do cruceiro, situado nun camiño entre a igrexa e a capela.   | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Imaxe do cruceiro, situado nun camiño entre a igrexa e a capela. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN / alfonso loño

Non se coñece moito da súa historia, pero o cruceiro de Donramiro é un dos perto de medio cento que hai repartidos polo termo municipal de Lalín. Cruz, capitel e varal manteñen un estado de conservación bo, aínda que a pedra precisaría dunha limpeza. O problema xorde na súa basamenta, pois parte das rochas que sustentan este elemento patrimonial están rotas ou desplazadas e comprometen a súa seguridade. A fractura de parte destas pedras podería provocar a caída do cruceiro.

Esta peza figura nas analizadas por Manuel Reimóndez Portela na súa publicación Cruceiros e cruces do nordeste da Provincia de Pontevedra, libro editado pola Deputación no ano 1985. Outros estudosos como a lalinense Cecilia Doporto aseguran que esta obra relixiosa pudo levantarse en torno a 1880; é decir, a finais do século XIX.

O cruceiro de Donramiro precisa pasar por quirófano

Detalle da xunta de dúas lousas. // A.L.V. / alfonso loño

Como acontece noutros casos, o cruceiro de Donramiro atópase nunha encrucillada de camiños, neste caso nunha pista que comunica a igrexa parroquial de Santa María coa capela do Montserrat. A súa basamenta está composta por unha plataforma de catro pasos cuadrangulares e un pedestal cuadrangular baixo. O varal ten forma octogonal, lista e o capitel foi elaborado cadrado con enfeites.

Na parte superior érguese o crucifixo, cadrado con biseles de considerable tamaño. No anverso figura un Cristo crucificado coas mans abertas, a cabeza cara á dereita, cunha coroa de espiñas e con tres cravos. Tamén conta coa inscripción I.N.R.I. Unha Virxe rezando cun anxo aos seus pés compón o reverso da cruz. A altura do cruceiro ronda os catro metros.

Como o resto dos cruceiros repartidos polo concello, estes bens patrimoniais foron recollidos no planeamento urbanístico municipal, precisamente para amparar a súa protección e, obviamente a localización de cada un deles.

O cruceiro de Donramiro precisa pasar por quirófano

Pedras da base do cruceiro. // A.L.V. / alfonso loño

A restauración do cruceiro podería levarse a cabo intervindo na seguridade das pedras que sosteñen a súa base. A diferenza doutros casos onde o varal, capitel ou a cruz están moi danados ou incluso rotos en parte, neste caso o estado de conservación destas partes da peza é bo, o que favorecería unha intervención moito máis rápida e menos complexa para o restaurador ou canteiro ao que se lle encargaran estes traballos.

Porén, non convén perder de vista que actuacións deste tipo precisan das autorizacións da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta – a Diócese de Lugo ten o seu propio departamento– e os tempos da cidadanía non son os mesmos ca os das administracións. O relevante agora é que, a quen corresponda, dea os primeros pasos para manter este ben.

Suscríbete para seguir leyendo