Un novo balcón para asomarse á Fervenza do Toxa

O proxecto de mellora do Sendeiro do Deza, case rematado, loce xa un miradoiro que da ao visitante outra perspectiva da ribeira

O novo mirador sobre o cauce do río Toxa está practicamente rematado.

O novo mirador sobre o cauce do río Toxa está practicamente rematado. / Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

A ruta pedestre que une a Fervenza do Toxa e o mosteiro de Carboeiro é, sen dúbida, unha das máis concorridas do municipio de Silleda. Devolvelo ao seu estado orixinal e subsanar deficiencias que dificultan o seu pleno gozo é o obxectivo do proxecto titulado Recuperación, mellora da seguridade, accesibilidade e sinalización do Sendeiro do Deza.

A actuación, centrada no tramo que vai desde a catarata ata a desembocadura do río Toxa no Deza, conta cun orzamento de 46.000 euros, dos que a maior parte corresponde a fondos municipais. Compleméntase dunha axuda de 20.000 euros –en dúas anualidades idénticas a percibir en 2022 e 2023– procedente da liña de axudas a investimentos non produtivos vinculados á realización de obxectivos agroambientais e climáticos da Rede Natura 2000, cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). A construtora Míguez Xestoso, que presentara a mellor das tres ofertas solicitadas, acomete as obras.

Un tramo de varanda de madeira no Sendeiro do Deza.

Un tramo de varanda de madeira no Sendeiro do Deza. / Xan Salgueiro

Para o acondicionamento do sendeiro retiráronse pavimentos inapropiados e mellorouse o sistema de evacuación de auga, colocando chanzos adicionais nas zonas de máis pendente, reparando escaleiras e creando unha pequena plataforma/observatorio. Tamén se repuxeron máis de 180 metros de varanda de madeira tratada. E vanse instalar dous novos paneis informativos sobre o itinerario e o seu entorno único. Búscase preservar o carácter natural do lugar mediante unha mínima intervención, con materiais e sistemas construtivos acordes co ámbito, que se integrarán na contorna de forma respetuosa.

Na súa segunda fase, o proxecto inclúe, a modo de miradoiro, unha pequena plataforma observatorio nunha zona intermedia da senda, para que as persoas visitantes poidan achegarse a contemplar os valores do espazo natural dun xeito ordenado e compatible. Neste senso, a plataforma de madeira vai asentada nun dos recodos do paseo, permitindo observar outra perpectiva da ribeira do río e da concatenación de saltos ata chegar á Fervenza do Toxa. A nivel funcional, esta dotación facilitará tamén un uso ordeado do sendeiro, permitindo o cruzamento das persoas que transitan polo mesmo.

Traballos pendentes

O tramo que se busca recuperar con esta actuación comeza ao pé da Fervenza do Toxa, a máis alta de Galicia en caída libre, e discorre pola beira do río durante aproximadamente 260 metros ata a coñecida como Ponte de Ferro, que une Trasdeza co Concello de Vila de Cruces en Merza. “Trátase dun dos tramos máis fermosos deste roteiro, no que, a parte do espectacular salto do Toxa, hai outros máis pequenos, pozas e zonas de penedos que paga a pena contemplar, e que ten ademais un alto valor paisaxístico nunha zona con gran biodiversidade”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.

O sendeiro está ubicado no Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) Sistema Fluvial Ulla-Deza dende decembro do ano 2004. A día de hoxe só faltan pequenos detalles e a renovación dos paneis informativos, aos que se sumará outro de madeira de carácter lúdico e interactivo para que a rapazada poida coñecer a flora e fauna desta zona.

Deste xeito, o Concello de Silleda segue acondicionando distintos espazos e enclaves naturais que constitúen un reclamo na súa oferta turística. Nos últimos anos, tamén se creou a ruta da Fervenza de Férveda e outra na de Santa Mariña, en Graba, tamén coa construción dun miradoiro.

[object Object]

O mosteiro de Carboeiro –punto de partida ou de chegada, segundo o sentido en que se faga o recorrido, do Sendeiro do Deza– mudará dende o vindeiro domingo, 26 de marzo, o seu tempo de apertura, coincidindo co cambio de horario. Así, en virtude do establecido nos últimos anos polo departamento municipal de Turismo, o edificio abrirá as súas portas ao público en horario de 11:00 a 14:30 e de 16:30 a 19:00 horas, de mércores a domingo, pois luns e martes está pechado por descanso da única guía. Deste xeito, e tendo en conta o aumento de horas de luz que xa se ven experimentanto nas últimas semanas, amplíase unha hora máis a apertura do cenobio polas tardes. Este horario de primavera aplicarase –de mércores a domingo– durante os meses de marzo, abril, maio e xuño, ampliándose novamente no verán co reforzo de personal que atende o Punto de Información Turísticas (PIT) da rede Info Rías Baixas.

Suscríbete para seguir leyendo