Cándido Soto Colmeiro, alcalde de Lalín en 1923

Exerce apenas oito meses, ata o golpe de estado de Primo de Rivera | Xa sucedera a seu pai na Alcaldía de Carbia (1902-1906)

Recordatorio do falecemento de Gumersindo Soto Vázquez. Discurso celebrando o nomeamento de Cándido Soto como alcalde de Lalín en 1923.    | // CEDIDOS POR J. A. PORTO TABOADA

Recordatorio do falecemento de Gumersindo Soto Vázquez. Discurso celebrando o nomeamento de Cándido Soto como alcalde de Lalín en 1923. | // CEDIDOS POR J. A. PORTO TABOADA / J. A. Porto Taboada

J. A. Porto Taboada

Cándido Soto Colmeiro, que xa presidira o concello de Carbia, como seu pai, Gumersindo Soto Vázquez, foi durante boa parte de 1923 alcalde de Lalín, cargo en que sería cesado tras o golpe do xeneral Primo de Rivera. Nado no extinto concello de Lavadores en 1876 e falecido en Donsión (Lalín) en 1945, Cándido Soto Colmeiro foi, como é sabido, médico de profesión e dirixente político conservador na comarca de Deza durante o primeiro terzo do século XX, chegando a exercer como alcalde dos concellos de Carbia e de Lalín.

Cándido Soto Colmeiro, alcalde de Lalín en 1923

Cándido Soto Colmeiro, alcalde de Lalín en 1923 / J. A. Porto Taboada

Seu pai, Gumersindo Soto Vázquez, natural de Donramiro (Lalín), e súa nai, María Colmeiro Louzao, de San Tomé de Insua (Carbia), casan en 1874, ano da Restauración da monarquía borbónica na persoa de Alfonso XII, nacendo Cándido dous anos despois. O réxime da Restauración, asentado no caciquismo e no turnismo dos partidos Conservador e Liberal, conformará o marco da súa futura actuación política, o que foi moi ben estudado por Manuel Igrexas en Cándido Soto, o último cacique da Restauración.

A familia acabará por se instalar en Carbia, onde Gumersindo Soto exercerá o cargo de alcalde, en tanto que Cándido estudará medicina na Universidade de Santiago, sendo alí condiscípulo de Castelao, quen o visitaría en 1931 durante a campaña electoral para Cortes Constituíntes a fin de lle pedir a súa colaboración, como conta Valentín Paz-Andrade. En xaneiro de 1902, Cándido sucede a seu pai na alcaldía de Carbia, ocupando o posto até 1906.

Gumersindo Soto Vázquez falecería no pazo de Raíndo, en Santa María de Piloño (Carbia), o 27 de novembro de 1916, como se pode ler no recordatorio que exhumamos da colección de documentos que proveñen da casa de Andrés Taboada Nóvoa, natural e veciño de Orza, freguesía de Santa María de Sabrexo (Carbia), amigo persoal e firme correlixionario de Cándido Soto. No referido documento, que inclúe un retrato de Gumersindo Soto, indícase: “Sus hijos Dª Adelaida, D. Cándido, D. Ramiro, Dª Marina, Dª Concepción; hijos políticos D. Francisco Mato, don Perfecto Otero, Dª Amparo Blanco y Dª Mercedes Capaz”. A muller de Cándido era Amparo Blanco Losada, con quen casara en 1910.

O 26 de outubro de 1920, o xornal El Compostelano recolle así a noticia sobre a peregrinación a Santiago de Compostela do arciprestado de Piloño: “Presidirá la peregrinación de mañana el celoso y muy ilustrado cura de Camanzo, D. Manuel Villar Cotón, con el primer teniente alcalde de Carbia don Andrés Taboada Nóvoa. Portará el estandarte de hombres el médico de Lalín Dr. Soto Colmeiro y las cintas D. Feliciano Rivas Martínez, médico de Cruces, y D. Manuel Fernández Torres, farmacéutico de Gres. Las señoras de dichos facultativos, Dª Amparo Blanco Losada, de Soto; Dª Consuelo Otero, de Rivas, y Dª Generosa Ferrín, de Fernández, llevarán el estandarte y cintas, respectivamente, de la peregrinación de mujeres”. Por outro lado, no FARO DE VIGO do día 28 dáse conta da chegada da peregrinación a Compostela: “Hizo su entrada en Santiago la peregrinación del arciprestazgo de Piloño, asistiendo las músicas de Zaragoza y municipal. La comitiva se organizó a las once de la mañana en la calle del Hórreo y la formaban unos mil peregrinos. Fueron recibidos por comisiones del Ayuntamiento y del Cabildo catedral”.

Andrés Taboada Nóvoa, nese momento ocupando, como se ve, a primeira tenencia de alcaldía de Carbia, era fillo de José Taboada Iglesias, que fora alcalde do mesmo concello, e sobriño de Antonio Taboada Iglesias, alcalde de Lalín de 1874 a 1883 (M. Igrexas, O periódico La Defensa de Lalín) e deputado provincial, naturais de Besexos (Carbia).

Uns anos despois da citada peregrinación de Piloño, o propio Cándido Soto é nomeado alcalde de Lalín. Como di Manuel Igrexas, “a través das súas relacións co Marqués de Riestra e da amizade persoal co deputado polo distrito de Lalín, Manuel Sáinz de Vicuña, xenro do daquela presidente do Goberno, Manuel García Prieto, conseguiu o nomeamento de alcalde por Real Orden de 30 de xaneiro de 1923”. Por tal razón, élle tributada unha homenaxe na Vila de Cruces o domingo 25 de febreiro, á cal asistiron cento oitenta e catro persoas, segundo El Compostelano de 6 de marzo. O homenaxeado fixo a viaxe de Lalín ás Cruces acompañado por amigos e simpatizantes e precedido pola afamada Banda Artística de Merza, sendo á súa chegada recibido por numerosos admiradores con aplausos e vítores. No transcurso do banquete fixeron uso da palabra os avogados Jesús María Santaló Ponte, de Merza; Jesús Aller, de Lalín; e José Blanco, de Pontevedra; o profesor da Universidade de Santiago Luís Villar Somoza, de Merza; os párrocos de Carbia, Brandariz, Piloño e Galegos; e o mestre nacional das Cruces. Da citada colección de Andrés Taboada Nóvoa, quen debeu asistir á homenaxe, rescatamos tamén o texto manuscrito dun discurso destinado a ese acontecemento, sen asinar, pero que pode corresponder a un dos que alí se pronunciaron aquel día.

O orador asume, nun estilo certamente enfático, a honra de “ofrecer tan entusiasta y popular banquete a nuestro querido amigo y digno Jefe político, Cándido Soto Colmeiro, merecedor de esta fiesta de admiración y cariño”. Soto é encomiado como “honra de la clase médica a que pertenece, orgullo de autoridades tanto por su competencia como por su austeridad administrativa; modelo de equidad y de justicia en donde debiera inspirarse todo ciudadano que aspire al engrandecimiento de la Patria y dentro de ella de esta hermosa Galicia que le vio nacer y a cuya prosperidad de ambas puso todos sus afectos”, destacándose “el justo y merecido triunfo de nuestro ilustre Jefe y valioso amigo, al ser elevado por el poder Real a la investidura de Alcalde de la importante villa de Lalín”.

O pai do homenaxeado tamén merece unha lembraza: “Hijo de un hombre político por excelencia, honrado hasta lo increíble y de una actividad pasmosa, heredó de este inolvidable padre, el tan popular D. Gumersindo Soto, esas tres nobles virtudes capaces ellas solas de hacer grandes a los hombres que las poseen y dignos de la estimación general”. Ainda máis, segundo o descoñecido autor do discurso, “con los Sotos, padre e hijo, llevó un golpe de muerte el odioso caciquismo, esa plaga osada que enseñoreada de nuestra sufrida Galicia la aprisiona entre las fuertes garras de la ignorancia y la malicia para convertirla en esclava de unos cuantos parásitos”.

E dirixindo a palabra a Cándido Soto, o noso orador pídelle: “sigue luchando, eres joven, eres noble, te esperan aún muchos triunfos en tu vida política”, porque “queremos verte encumbrado en las más altas esferas del poder” e “elevarte estatuas de proporciones gigantescas”.

Chegamos así ao parágrafo final: “Y presintiendo esas glorias que te esperan me adelanto yo para solemnizar el día de hoy, ya que veo aquí reunidas todas las fuerzas vivas de este distrito, donde has empezado tu vida política y donde se te quiere con sinceridad, para pedir a todos que por unanimidad sea nombrado nuestro distinguido amigo y Jefe Cándido Soto Colmeiro Hijo Predilecto del Ayuntamiento de Carbia”.

O mandato de Cándido Soto como alcalde de Lalín non durará, con todo, máis que uns meses. A situación social e política de España desemboca no golpe de Estado de 13 de setembro de 1923 con que se inicia a Ditadura de Primo de Rivera, as corporacións municipais son substituídas e Soto cesa o día 30 dese mesmo mes e ano.

Suscríbete para seguir leyendo