Gonzalo Navaza, os comuneiros de Bermés, Armando Vázquez e César Gómez, premios do SED

Entregaranse o venres na Gala da Cultura que terá lugar no Pazo de Liñares / Tamén se presentará o novo anuario ‘Descubrindo’

Gonzalo Navaza.

Gonzalo Navaza. / Moncho Fuentes

Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

Gonzalo Navaza, a Comunidade de Montes de Bermés, Armando Vázquez e César Gómez son os galardoados cos primeiros Premios do Patrimonio do Seminario de Estudos de Deza. Logo de finalizado o prazo de presentación de propostas –emitidas a través dun formulario anónimo–, o xurado reuniuse o venres para ditaminar os gañadores nas distintas modalidades, elixidos entre o conxunto de candidaturas recibidas.

O premio á investigación do patrimonio cultural de Deza recae en Gonzalo Navaza Blanco, en recoñecemento ao “seu traballo como recuperador e investigador da toponimia e da microtoponimia, non só a nivel comarcal, senón tamén no ámbito galego”. Este mérito levouno a ser nomeado hai pouco máis dun mes membro numerario da Real Academia Galega (RAG) coa lectura do discurso Nomes de persoa na toponimia de Lalín.

Actividad de la comunidad de montes de Bermés. |   // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Actividad de la comunidad de montes de Bermés. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN / Xan Salgueiro

A Comunidade de Montes en Man Común de Bermés, Regado, Rego do Prado, Lamela, Orxás, Riádigos, Campo e Camiño Real álzase co premio á posta en valor e divulgación do patrimonio cultural de Deza. O xurado destaca o labor que leva facendo nos últimos anos coa “posta en valor de todo o Monte do Carrio, petróglifos, penedos, rutas, capela de Santo Adrao, Outeiro Grande, etc., así como a restauración dos Muíños do Rego de Lamas”.

Armando Vázquez Crespo.

Armando Vázquez Crespo. / Xan Salgueiro

O premio de honra ao Seminario de Estudos de Deza é para Armando Vázquez Crespo, natural da mesma parroquia de Bermés, “por ser un dos pioneiros nos estudos da comarca de Deza”. Destaca o xurado que “froito do seu labor altruísta son as guías de concellos da comarca, a letra do Himno de Lalín, a coautoría do libro A Comarca de Deza, artigos no Descubrindo e múltiples colaboracións a nivel xornalístico sobre esta terra”.

César Gómez Buxán.

César Gómez Buxán. / Xan Salgueiro

Por último, o premio Descubrindo é para César Gómez Buxán por “ser fundador e membro do consello de redacción” deste anuario, amais de autor de catorce artigos nos seus quince números, e da monografía Os Escudeiros de Cercio nos Deza Básicos, todo isto complementado con outras publicacións sobre a bisbarra.

O xurado destes Premios SED estivo composto por: Cecilia Doporto Regueira; Xoán Carlos García Porral; José Ramón López Fernández; José Ramón Pérez Salgado; José Luis Rodríguez Jácome; Antonio Presas García e Begoña Blanco Blanco. Estes recoñecementos teñen como fin distinguir o labor de persoas, colectivos e entidades que presenten unha traxectoria meritoria vinculada á protección, conservación, investigación e difusión do patrimonio cultural galego, material e inmaterial, en calquera medio ou campo de actuación e en Deza. Serán entregados o vindeiro venres, 16 de decembro, no transcurso da Gala da Cultura. Este acto, que se vai celebrar no Pazo de Liñares, estará aberto ao público e acollerá tamén a presentación do anuario Descubrindo nº 15.