A obra Off the record, de Virxilio Rodríguez Vázquez, é a gañadora do sexto Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta, que convoca a fundación que leva o nome do escritor nado en Gres. Rodríguez, que é profesor de Dereito Penal na Universidade de Vigo e xa leva gañado diversos premios literarios, recollerá este galardón o vindeiro mércores, 3 de novembro.

Esa xornada conmemórase o nacemento de Neira Vilas (en 1928), e é ademais o Día do Lector e da Lectora. Ademais da entrega do premio (gratificado con 1.000 euros e a publicación da novela gañadora en Edicións Embora), haberá antes unha lectura continuada de Memorias dun neno labrego e, como colofón, a actuación do cantautor guardés Tino Baz.

Final sorprendente

O xurado do premio reuniuse este venres no compostelán Pazo de San Roque. Os seus integrantes foron tres membros da fundación, Juan Andrés Fernández, Henrique Neira e Fernando Redondo, así como o crítico literario e profesor universitario Armando Requeixo. O tribunal decantouse por Off the record “polo logrado da estrutura, onde alterna o relato en primeira persoa e as informacións que chegan a través de testemuños recollidos nunha gravadora, ao que cómpre unir a eficiencia narrativa e a pulcritude estilística dunha historia que avanza, imparable, ata un sorprendente final”. E é que a novela xa comeza cunha persoa morta, da que hai que determinar se sufriu ou non un homicidio.

Por outra banda, o tribunal tamén quixo facer fincapé “no estimable nivel de participación e calidade de varias obras presentadas, o que confirma a boa saude da que goza este certame, consolidado xa como un referente entre os premios literarios galegos”. O Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta quere estimular a creación literaria, fomentar a lectura en lingua galega e proporcionar obras de calidade ao público mozo. A entidade acaba de convocar outro certame, o Anisia Miranda de Teatro para a Infancia. Poden enviarse textos ata o 24 de febreiro.

Virxilio Rodríguez Vázquez.

"Busco que o lector se sinta abstraído e que non perda o fío"

Virxilio Rodríguez leva escribindo dende mozo, e de aí que atesoure xa diversos premios e recoñecementos en certames de relato curto ou poesía, como os convocados pola Casa da Xuventude de Ourense, pola Universiade de Vigo ou Manuel Lueiro Rey (do Concello do Grove). Off the record é a primeira novela curta que escribe, “e intentei trasladar ese estilo dinámico, vivo e con moita tensión que emprefo nos relatos curtos. Góstame sentirme abstraído cando leo, e buso que o lector tamén teña esa sensación de abstracción e que se esforce para non perder o fío”. Comezou a escribir esta novela a cabalo entre 2020 e 2021, poucos meses despois de recoller un accésit dos premios Modesto Figueiredo.

Ao ser preguntado por se empregou algún caso real que coñeza como avogado, apunta que “ten elementos reais, pero no 80% é ficcionada. Tamén boto man dalgún elemento que, sen ser histórico, é verídico”. Confesa que este recoñecemento da Fundación Neira Vilas non o agardaba”porque en anteriores edicións se ten presentado xente de moito nivel”, e admite que é un pulo para seguir escribindo.