Dende que faleceu hai case 12 anos, en 2009, a Fundación Neira Vilas sempre ten un acto en lembranza de Anisia Miranda, o máis próximo posible á xornada do 22 de outubro. Por iso, coa conmemoración do Día das Escritoras, a fundación de Gres ten un motivo máis para lembrarse dunha das mulleres que máis fixo na comarca, e tamén en Galicia por achegar a literatura á xente máis nova, e tamén por escribir libros acaídos a esta franxa de idade.
Só faltaba un premio co seu nome. E xa o hai dende onte. A fundación que preside Fernando Redondo presentou o Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia, co que colabora a Consellería de Cultura. A participación está aberta ata o 24 de febreiro do ano que vén, día no que se conmemora a outra grande das letras, Rosalía de Castro. O premio son 1.000 euros e a publicación da obra gañadora. O nome darase a coñecer noutra data sinalada, o 27 de marzo, Día do Teatro. A fundación xa ten en marcha outros dous galardóns: o Xosé Neira Vilas de Novela Curta e o Arume de Poesía para a Infancia. Este último faise en colaboración coa empresa Deleite e a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). Edicións Embora é quen edita todas as obras gañadoras.Ademais, a fundación colabora co Premio Balbino de Relatos, que convoca Edicións Fervenza.
A presentación do novo certame foi o culme a un nutrido programa de homenaxe, que incluiu unha ofrenda floral no cemiterio de Gres, onde repousan Anisia Mirando e o seu marido, Xosé Neira Vilas. Alí recitáronse poemas inéditos da escritora, e xa na sede da fundación, léronse fragmentos de Mitos e lendas da vella Grecia. Un grupo de cámara da Unión Musical Ponteledesma ofreceu un pequeno concerto.
Unha das seis entidades que conmemora o día
A Fundación Neira Vilas é unha das seis entidades que en Galicia se suman á celebración do Día das Escritoras. Xa en Satiago, no auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia (na Cidade da Cultura), as autoras Montse Pena e Dolores Vilavedra analizaron a obra literaria de Xohana Torres, outra pioneira da literatura infantil e xuvenil galega. Mentres que ao acto de Gres acudiu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, no de Compostela estivo presente o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.