Dende onte, o estudantado do instituto Pintor Colmeiro irá todos os días ás parroquias do municipio. E por riba, a visita servirá para aprender contidos sen sequera moverse do centro.

Esta viaxe simbólica explícase porque o instituto acolleu onte un acto no que 33 aulas do instituto pasan a levar o nome das feligresías. Así, cada aula loce na porta un panel en PVC coa parroquia correspondente resaltada no mapa do municipio, a súa etimoloxía, o seu patrón ou patroa,as aldeas que a conforman, unha breve historia e unha cuncha de vieira, se pasa por ela a variante sanabresa da Vía da Prata. Para recabar datos, contouse coa colaboración do investigador Gonzalo Navaza e do docente Matías Rodríguez da Torre.

Ao acto acudiron, ademais da comunidade educativa, o alcalde, Manuel Cuiña, e a concelleira de Educación, Ángela Troitiño. Foi, dalgún xeito, a culminación ao traballo dos 10 mozos e mozas do Programa de Excelencia. O ano pasado Noelia Amil; Noelia García; Zoe Rivas; Lucía Fernández; Sheila Viéitez; Laila Rey; Almudena Villanueva; Pablo Molinos, Martín Riádigos e Iker Peña, coordinados polo profesor Xoán Carlos García Porral, retomaron o traballo recollido en 2015 no libro A paisaxe lendaria e toponímica do Concello de Silleda.

No presente curso, estes estudantes xuntábanse todos os mércores, de 17.00 a 18.30 horas, para subiren nada menos que 1.500 microtopónimos á aplicación colaborativa Galicia Nomeada, promovida polo Servizo de Onomástica da RAG. Estes 1.500 nomes converteron ao IES Pintor Colmeiro no centro que aportou máis datos a esta aplicación móbil. De seguido, os dez alumnos explicáronlles aos estudantes de primeiro da ESO cómo funciona a aplicación, e isto permitiulles ver que había un profundo descoñecemento sobre as parroquias de Silleda e as aldeas que formaban parte de cada unha.

Para solventar este problema, García Porral lembra que entón elaboraron seis Kahoot! (son plataformas para crear concursos na aula), con power point que facilitan as respostas axeitadas, e que tiveron un auténtico éxito de acollida.

Unidade didáctica

Ademais dos carteis que adornan a entrada a cada aula, o grupo do programa de excelencia elaborou dez fichas con cinco preguntas, que poden ser resoltas se un busca información nestes paneis. Asemade, quedou elaborada unha unidade didáctica cun pen drive, que será entregada no consistorio pero tamén a cada centro educativo que desexe afondar na toponimia sen sair do concello. Hai, tamén, vídeos que explican cómo bucear na aplicación Galicia Nomeada, que impedirá que os nomes de moitas aldeas caian no esquecemento.