Hai que evitar, a toda costa, que as palabras as leve o vento. E a única maneira de que non escapen é deixalas por escrito. Que elas sexan o mellor cemento dunha historia. Que removan emocións e sentimentos. Que marquen un antes e un despois na vida de quen as lea. E pode que, tamén, sirvan para recoñecer o mérito de quen as escribe. Porque as palabras non se miden segundo o peso, senón segundo a súa calidade. A mesma que tiñan os microrrelatos e micropoemas premiados no seu concurso anual. Esa actividade que impulsan, de maneira conxunta, todos os equipos de dinamización lingüística dos centros educativos da Estrada no marco da VIII Festa das Palabras.

Así é que onte, no Teatro Principal, as palabras estaban a flor de pel. A crisis sanitaria que todavía arrastramos e as limitacións impostas, impediron que o Principal se ateigase de xente. Porén, iso non impediu que se desenvolvese un acto cheo de agarimo e dozura no que se premiou os 62 alumnos cuxas pezas resultaron gañadoras do concurso de microrrelatos e micropoemas.

Un libro como agasallo

O acto, presentado polo profesor Toño Barros, comezou coa intervención da docente Cruz Buján en representación de Dinamizaestrada, o grupo que aglutina a todos os equipos de normalización lingüística dos colexios e institutos da Estrada. A continuación tomou a palabra o padriño da edición deste ano, o tamén escritor estradense Xosé Luna.

Despois diso levouse a cabo a entrega de premios. Este ano, debido á pandemia, subiron ao escenario un profesor e un alumno, que actuaron como representantes das persoas premiadas no seu centro educativo. Nesta entrega simbólica o premio foi un libro no que se recompilaron os 62 textos gañadores. Nesa mesma obra vai incluído un limiar do padriño desta edición, Xosé Luna, e 14 ilustracións realizadas polo alumnado de Educación Infantil. A guinda do pastel colocouna Rosa de Cabanas, co deseño dunha portada que facía alusión ás palabras protagonistas deste ano: “cabalos” e “lindo”.

E é que o alumnado, para escribir as súas pezas, tivo que incluír obrigatoriamente esas dúas palabras mencionadas: “cabalos” para os microrrelatos e “lindo” para os poemas. Ditas verbas foron escollidas polos propios alumnos, que se inspiraron nos títulos dalgunhas das obras de Xela Arias, a homenaxeada nas Letras Galegas deste ano.

Para finalizar, o acto pechouse coa intervención dun representante do Concello, que colaborou e fixo posible a realización deste evento.

O que quedou claro durante a VIII Festa das Palabras foi o enorme talento que desprenden os estudantes dos centros educativos da Estrada. Quen sabe se, dentro duns anos, se dediquen a tecer palabras.