Son moitas as parellas de cegoña branca ( Ciconia ciconia) que retornan ás súas casas dezás para realizar as obras de acondicionamento necesarias para a súa prole. Outras teñen que empezar de cero o niño e para iso sobrevoan o territorio buscando o mellor emprazamento. É o caso dunha parella que foi avistada a pasada fin de semana na cima dunha grúa torre instalada na Travesía da Ponte, en Lalín. O aviso chegou ao sitio web Biodiversidade do Deza, que puido comprobar que, efectivamente, se trataba de dous exemplares "moi acaramelados", aos que decidiu facer un pequeno seguimento, e máis cando descubriu que unha das aves tén un anel numerado nunha pata.

Foi ao revisar as fotografías tomadas cando membros desta activa plataforma dixital de defensa do medio natural se decataron de que un exemplar estaba anelado. Decidiron poñelo en coñecemento da oficina de anelamento do Equipo de Seguimiento de Procesos Naturales da Estación Biológica de Doñana, que, á súa vez, os informaron de que o código do anel pertencía á Asociación Numenius, da Terra Chá, na provincia de Lugo. Logo de facilitarlles a codificación do anel (Z289), confirmáronlles que a cegoña portadora fora anelada o 20 de maio de 2017 no lugar de Arcillá, do municipio de Cospeito, a 71 quilómetros en liña recta da capital dezá na que agora busca un sitio axeitado para crear un fogar coa súa parella. Era a primeira cita detectada deste exemplar desde que, sendo un pitiño e ao igual que a dous dos seus irmáns, lle colocaran o anel amarelo. Pesaba naquel intre 3,23 quilogramos.

Actualmente, e seguindo o relato que fai Biodiversidade do Deza, "este exemplar e maila súa parella, que moi posiblemente permanezan fieis un ao outro a partires desta primavera -a fidelidade é unha das características desta especie-, atópanse na procura dun lugar axeitado para aniñar na vila, aínda que non o van a ter sinxelo debido á escaseza de puntos idóneos". De feito, onte pola mañá tiveron que abandonar o emprazamento elixido na Travesía da Ponte, moi preto do Paseo do Pontiñas, debido á retirada da grúa. Toca volver empezar de cero, logo de que nas últimas xornadas colocaran xa algúns pauciños e pólas do que "podería ser un amago de niño", aputan a web. Tal e como lles comentaba Toño Salazar, de Numenius, "ao tratarse de exemplares moi novos e inexpertos, é posible que aínda estean a facer prácticas para a elaboración dun niño".

Desde Biodiversidade do Deza aproveitan para volver demandar ás administracións públicas que se estudie seriamente "a instalación dunha estrutura (poste e base) nalgunha zona do paseo do Pontiñas que servise de lugar de aniñamento a estas fermosas aves migratorias". "Ademais de facilitar a súa reprodución e de evitar que poidan construir o seu niño nun lugar que cause molestias, dotaría a este espazo natural dun gran atractivo engadido, aumentando a súa rica biodiversidade e converténdose no lugar de nacemento dos primeiros exemplares de cegoña lalinenses dende hai moitos anos", subliñan. E, como non, "poderiamos ver a esta mesma parelliña regresar ano tras ano á vila e gozar da súa fermosa historia de amor", conclúen.