O IES Marco do Camballón leva tres anos impartindo a materia de regueifa como unha disciplina optativa. O centro, que sempre recorre ao seu patrimonio máis inmediato para aplicalo á ensinanza, onte quixo ter un recoñecemento a catro veciños de Sabrexo que nos anos 80 fixeron unha demostración de regueifa para a musicóloga Dorothé Schubart, quen logo incluiría os temas no Cancioneiro Popular Galego. As pandereteira Aleixandra Torres e Carla Verde, coa regueifeira Alba María, interpretaron un deses temas. Foi un dos puntos álxidos do II Encontro de Mulleres Regueifeiras, que arrancou pola mañá cunha asamblea e que, xa de tarde, incluiu unha mesa redonda sobre regueifa e feminismo. Durante as actuacións, ademais das tres xa mencionadas, tamén pasaron polo escenario do auditorio as regueifeiras locais Nuria das Cruzes ou Lorena Medela, con outras repentistas como Sara Marchena ou A Gharota da Ribeira. A xornada rematou cunha foliada, xa á noitiña, no bar Txapela.