Síguenos en redes sociales:

O tesouro de Lamela 50 anos despois

Foi o 21 de octubro de 1967 cando Manuel Calvo López, obreiro da canteira Mármoles y Granitos San Marcos, atopou os dous brazaletes de ouro puro nunha fenda entre as rochas despois de que estouparan un barreno

O tesouro de Lamela 50 anos despois

O achádeo do tesouro produciuse o 21 de outubro de 1967, na canteira de serpentina San Hipólito situada no Coto de Calvo, que explotaba por aquel entón Mármoles y Granitos San Marcos, unha pequena empresa que formaran uns veciños da zona. A canteira a ceo aberto, agora abandonada, está nun cotarelo do monte de San Marcos, preto dun antigo camiño a Compostela que atravesa o lugar de Barravaite e segue por onda a capela do San Marcos cara Castrovite. Aquí o obreiro Manuel Calvo López, logo de que estouparan un barreno, atopou os dous brazaletes nunha fenda entre as rochas. Non puido, non soubo ou non quixo gardar o segredo, como tería acontecido tantas outras veces en moitos lugares de Deza en que achádeos semellantes remataron perdéndose para sempre pola cobiza de riquezas de algúns.

Un dos socios da canteira coñecido como Ramón O Forestal mandou aviso do achádeo do tesouro ao cura párroco Xosé Espiño Matos, quen, sen perda de tempo, avisou ao entón secretario do Museo de Pontevedra, Alfredo García Alén, para que pasase por Lamela para facerse cargo do tesouro e estudar o lugar onde se producira a descuberta. Examinada a zona días despois, comprobaron que o cotarelo onde se explotaba estaba coroado por unha grande mámoa e tamén había restos do que puidera ser un obradoiro ou unha fundición prehistórica, localizándose tamén no lugar un lingote de cobre duns cinco quilos de peso, así como varios anacos de cerámica.

A uns cincocentos metros do lugar está a capela do San Marcos, construída no século XIX nas proximidades dun penedal que agora coroa unha cruz, unha paraxe máxica que debeu ser lugar de culto pagán despois cristianizado e a onde chega a procesión no día da concorrida romaría a finais de abril, para dende alí bendicir os campos da parroquia como se vén facendo dende tempo inmemorial.

Non lonxe do lugar tense catalogado un campo de mámoas no Monte dos Escurros ao pé da autoestrada AP-53, tamén hai un campo de mámoas inédito no Coto das Mazorras, ao igual que os petroglifos con ferraduras dun penedal do monte de San Marcos. Na paraxe da Grela, preto do lugar de Monte, atopáronse no ano 1973 dous machados de pedra pulida que garda o referido Espiño Matos; e, oito anos despois, un terceiro machado atopouno o veciño Manuel Matos, tío do anterior, que o levou para a súa casa. Tamén cómpre sinalar que no lindeiro desta parroquia coa de Orazo -pertencente ao municipio de A Estrada-, está o célebre Castrovite, un castro que preside unha capela no que o arqueólogo silledense Xulio Carballo Arceo atopou restos de construcións castrexas a finais do pasado século.

Ouro puro de 24 quilates

Os brazaletes de ouro puro de 24 quilates, duns 10 centímetros de diámetro e case 200 gramos cada un, teñen sección romboidal un e rectangular o outro; non mostran sinais de ter sido usados e foron catalogados e datados polo profesor García Alén coma pertencentes ao Bronce Atlántico, uns 1.500 a 3.500 anos antes de Cristo. No mesmo estudo, publicado no anuario El Museo de Pontevedra de 1968, faise referencia ao lingote de cobre de forma trapezoidal irregular de case cinco quilos de peso que tamén se garda nesta institución provincial.

Coa axuda do noso informante, o veciño Xosé Ouzande, estivemos na canteira abandonada que aparece rodeada por un terraplén que, polas súas dimensións, máis semella pertencer a un castro ca unha mámoa. Os veciños referiron que nunha finca próxima, propiedade de Guillermo Collazo, aparecera un muíño de man xunto con outras pedras e cerámica castrexa. Tamén fomos a procura dos protagonistas daquel achádeo de hai 50 anos. En Dornelas demos coa casa de Manuel Calvo, o traballador que atopou o tesouro, e soubemos que falecera tempo atrás sen que os parentes nos puideran dar máis detalles de interese, e tamén faleceran os demais socios e traballadores da canteira. Só na vila da Bandeira puidemos falar co cura e amigo Xosé Espiño Matos, único supervivente daquel acontecer con trazas de aventura, do que a mediación foi fundamental á hora de poñer a salvo o tesouro de Lamela para o seu estudo e contemplación, e que, xunto co coñecido coma tesouro de Agolada, atopado en 1920, son os únicos tesouros que se puideron salvar da ambición dos humanos na nosa comarca.

(Agradecementos: Ao noso colega Pablo Sanmartín de Teo, por achegarnos información do achádeo; a Francisco X. Torres Goberna, pola foto dos brazaletes; e ao noso informante Xosé Ouzande de Lamela, por acompañarnos ao escenario onde se desenvolveu esta historia cincuenta anos atrás).

Pulsa para ver más contenido para ti