A masacre de Cadaval hai que enmarcala nos estertores da I Guerra Carlista. Neste conflito, as comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes foron uns dos focos onde se formaron partidas ou faccións carlistas, destacando a de Francisco María de Gorostide. Pero a máis importante foi a de José Tomé Villanueva, que tiña como segundo a Andrés Arias Feás, capturado en novembro de 1838 e fusilado ao mes seguinte, e como recadador ao ex-frade Lorenzo Feijóo, que conseguiu atraer á causa lexitimista a case todo o clero de Deza. Feijóo e Villanueva foron fusilados en 1839.

O fracaso do carlismo en Galicia debeuse, segundo o profesor Xosé Ramón Barreiro, ao mínimo apoio popular, pois non conseguiu atraer canda si ao campesiñado, sendo só o clero e a fidalguía rural os seus alicerces. Aínda así as partidas realizaron moitas accións nesta zona, malia que o seu carácter rural impediu que actos como os que estamos comentando gozasen de eco na prensa e servisen como propaganda para a causa nas cidades.

A guerra rematou oficialmente o 29 de agosto de 1839 co chamado Abrazo de Vergara entre os xenerais Espartero, representante do bando isabelino, e Maroto, do carlista, para referendar o Convenio de Oñate. Pero pouco antes dese final tiveron lugar no Deza algúns feitos de armas soados: Nos primeiros días de maio de 1839 foi batida en Dornelas, con moitas baixas, unha partida carlista que fora perseguida polo Comandante do posto do Foxo.

Só dous meses despois da masacre de Cadaval, ocorreu a última das accións da guerra na nosa comarca. O 14 de agosto o mando carlista ordenou unha expedición armada á parroquia de Goiás, pois a maioría dos seus veciños pertencían á milicia urbana isabelina. Nesta acción os facciosos executaron de forma brutal a doce veciños e queimaron casas e medas de centeo. As vítimas foron recordadas tamén por cruceiros á beira dos camiños.

Case un século despois, os primeiros días do verán de 1928, no marco da primeira das xeiras que o Seminario de Estudos Galegos realizou polas terras de Deza, Otero Pedrayo visitou a aldea de Cadaval, viu o cruceiro e recolleu a historia. Transcribimos o artigo cuns pequenos arranxos ortográficos para facilitar a súa lectura.

Un cruceiro e unha data

Pouca cousa. Un feito esquecido do que nin falan os libros e só vive na lembranza dalgúns lugarciños da montaña galega, sendo un feito aínda de onte que ten a virtude de espertar en nós homes do século vinte, aquel bravo apaixonamento que brillaba, entre bágoas e xenerosas indignacións, nas conversas dos homes do século dezanove, os nosos pais e os nosos avós.

O cruceiro non ten o prestixio étnico nin artístico dos que recolle o lapis de Castelao por toda a redondez da Galiza. Non é románico nin barroco, non o traballou a feiticeira sinxeleza da arte popular inspirada na lenda relixiosa, nin diante del se detén afervoada procesión campesiña.E un cruceiro ciril. Garda, eternamente, na montaña afastada, un movemento xusticeiro e piadoso do pobo.

O Castro de Dozón organizase en tres fatos de casas labregas antigas e unhas poucas novas ó correr da estrada. Son os aires ceibes e puros coma nados na esgrevia beleza das serras (a Martiñá, o Faro, o Farelo, o Toxo do Cabrito) que se erguen curiosas de horizontes por riba doutas terras ermas apenas traballadas nos vales pequeneiros. A igrexa nova e pomposa inda ten vellas hedras no adral. Un camiño a esquerda conforme se vai cara Santiago, cruzando por dous lugarciños, por terras de pan e algún anaco de carballeira leva ó lugar de Cadaval. Casiñas baixas, fortes, abrigadas polos tellados de colmo, augas cantareiras, ergueitos abombamentos de terra de Montes. O cruceiro está nun campiño: unha pedra de muíño sostén a cruz de columna que quer ser xónica. Un santiño cun libro na cruz, e no fuste, pola parte do N. E. unha caveira. Di a lápida:-"Hízose a la memoria de los soldados que an muerto en éste campo frente a la calavera el día 16 de junio de 1839. Un padrenuestro". A historia aconteceu deste xeito segundo contan os vellos. Os vintecinco soldados co seu xefe deixaron pasar unha grosa columna carlista que levaba a dirección de Lalín. Eran moitos, e cando ían xa lonxe os liberais dispararon. Deron volta os carlistas, prenderon lume á casa onde se defendía a tropa, e fixérona toda prisioneira. O xefe fuxiu polos eidos, mais foi morto dun tiro non sen que botara nunha alvariza o cinto das onzas. Os vintecinco homes, mozos arrincados da aldea ou veteranos do norte, foron fusilados en ringleira. Logo os lanceiros carlistas, de boinas brancas, fixeron patalexar os cabalos sobre a grea de mortos. - seguiron o seu viaxe. Din que só se salvou un soldado a quen un carlista amigo dixo que se botara ó chan pois el faría de xeito que figuraba dispararlle. Ós mortos déronlles terra no adral de Castro Dozón.

Ó ano seguinte un canteiro chamado o Sr. Facundo ergueu o sinxelo e conmovedor monumento. Foi o prezo da obra un día de traballo que botou cada veciño nos eidos do mestre canteiro. O cinto do xefe foi atopado na alvariza e serviron as onzas para facer rica unha familia. Inda está en pé a casa na que se defenderon os soldados e o centeo verdea no campo sanguento. A inscrición non condena a ninguén. Paz para todos. Sinala o feito terrible da morte e demanda unha pregaria ás pasaxeiras. Imponse a imitación ó senso da inscrición. Mais o sentimento liberal de Galiza ten a obriga de lembrar o sacrificio e de agradecer ós veciños da humilde aldea de Cadaval a piedade que souberon mostrar cás vítimas da guerra entre irmáns.