Cumpro con este artigo o meu compromiso ante os lectores de dar explicacións sobre esta cuestión logo de que o alcalde e o seu amplo equipo de asesores pagado con diñeiro público, a través dunha "infumable" Tribuna Libre de Ramiro Ruibal, acusase a quen isto asina de ter unha opinión influída, seica por tentar obter beneficios da Lalín Pork Art.

O proxecto Pork Art, inspirado na Cow Parade, comézase a artellar en 2007, desenvólvese en 2008 e ponse en marcha en 2009. O seu impulsor e creador, Mario Ubiaga André, "ofrécelle" a Xosé Crespo a idea, que se inspiraba na famosa exposición de vacas organizada en Vigo con grande éxito polo propio Mario. Dende o seu nacemento a empresa deste, Ubiagrandal S.L., fai o desembolso necesario para a compra das esculturas, a súa decoración, a xestión comercial e de marketing do produto? O Concello limítase a "dar a súa bendición" a unha idea e a beneficiarse da súa proxección. Non hai achegas económicas do Concello, nin prego de cláusulas administrativas, nin concurso de ideas, nin adxudicación? Faise todo de palabra, ó máis puro estilo da política local de palleiro, esa do "ti vai facendo". Ubiagrandal completa a exposición, ofrécella a centros comerciais e vilas da península, cobra o que estima preciso por levar a varias vilas a mostra nos camións dunha empresa lalinense, obtén ingresos dunha ducia de patrocinadores (non todos propietarios das figuras) e dos lugares nos que se expón, fai uso autorizado da imaxe corporativa de Lalín? O Concello só é responsable do almacenamento, entre exposicións, das esculturas. Faino con mimo ó principio, pero co tempo as esculturas artísticas son "tiradas" no primeiro andar do campo da feira novo, experimentando unha deterioración significativa (a imaxe das obras de arte pode verse no blog do autor: http://senacusederecibo.blogspot.com.es/).

O "ti vai facendo" acaba por minar o ánimo de Ubiaga, ó que se lle suman cuestións laborais e persoais, e decide abandonar o proxecto. Entre 2010 e 2011, até tres veces (incluso por escrito no rexistro) se lle ofrece ó Concello a cesión da propiedade das esculturas e da marca, sen que o Concello conteste unha soa vez.

Co anterior equipo de goberno municipal, Ubiaga pide a colaboración a quen isto asina para reactivar o proxecto. Así as cousas, implícase á firma AGMarketing para que siga adiante coa iniciativa de Ubiagrandal S.L. e para lle dar unha cobertura axeitada prodúcese a venda, mediante contrato, da marca e dos dereitos de propiedade das esculturas, así como dos dereitos intelectuais sobre a obra, que AGMarketing adquire. Paralelamente, cambia o goberno municipal, segue o alcalde e entra un novo concelleiro de Turismo. Por esas datas un dos artistas da Pork Art está a traballar no seu taller na restauración de media ducia de figuras danadas por mor dos desaxeitados almacenamento e manipulación.

P.D.: Segunda parte o vindeiro día 3 de nadal.