Montañismo

Josefina Maestu culmina a escalada

A viguesa, primeira muller que preside a Federación Galega en sesenta anos de historia - Admite certo “vertixe”, pero engade: “Estou capacitada para facelo”

Josefina Maestu, nunha expedición.

Josefina Maestu, nunha expedición.

Armando Álvarez

Armando Álvarez

Josefina Maestu ven de culminar unha escalada que durou 60 anos. Ela dirixirá o montañismo galego durante os vindeiros catro. O 3 de decembro foi elexida como a primeira presidenta na historia federativa. “Da un pouco de vertixe”, confesa, malia o costume de terse pendurado tantas veces sobre o abismo. Porén, confía na forza das súas ideas, no apoio da súa xunta directiva e nunha biografía propia que a preparou para o cargo. “Sei que estou capacitada, que podo facelo. Espero estar á altura”, arela. A Josefina cábelle a montaña na cabeza.

A súa revelación sucedeu mentres estudiaba Segundo de Bacharelato. Acudiu á Casa da Xuventude, en Vigo, coa cuadrilla de amigos do instituto. Andaban a procura de actividades de lecer. Aquel folletiño do Colectivo Galego de Montaña semella que agardaba por ela enriba da mesa. Chamaron. Escomenzaron. Acudían ó refuxio da Lama. Participaban en talleres de orientación. Saían de excursión ó Galiñeiro e ó Faro de Budiño. “A segunda casa para moitos de nós”, resume deses úteros do montañismo vigués. No verán marchaban de campamento e acabaron exercendo de monitores. Algúns irían deixándoo despois. Ela xa non puido ceibarse desa febre. Tampouco cando se mudou á Coruña –traballa en Bergondo e vive en Cambre–. Dos 17 ata ós seus 49 actuais mantívose intacta.

Josefina Maestu.

Josefina Maestu.

Nestas tres décadas de relación fixo “un pouco de todo, sobre todo cando era moza”. Expedicións ós 3.000 dos Pirineos, visitas a Picos de Europa, escaladas en zonas diversas de España e Francia, travesías sobre a neve con raquetas... No seu currículo distínguese, sobor de todo, o degoiro de aprendizaxe. “Sempre tentei aprender e formarme para ser independente; non no sentido de ir soa, que ás veces tamén, senón para resolver problemas. Quixen formarme de xeito continuo para avanzar. Iso fixo que coñeza todas as disciplinas do montañismo, tamén a nivel de competición”.

Josefina xa estudiara a licenciatura do INEF na Coruña. Xa que as mestrías non incluían experiencias alpinistas, apostou por actividades relacionadas coa natureza. Pola súa conta, na etapa universitaria e despois, foi acumulando todo tipo de cursos, carnés e capacitacións. É árbitra galega e estatal de escalada e carreiras por montaña, técnica de sendeiros e marcha nórdica... “Gústame moito a formación, a nivel de seguridade, de contido e novas disciplinas”, explica.

Josefina, que pertenceu brevemente ó Clube Peña Trevinca, en 2017 foi recrutada pola Federación Galega para o seu programa de tecnificación de escalada. Alí tense adicado á formación dos rapaces e rapazas que máis sobresaíron nas últimas fornadas. Coñecendo o organismo por dentro, as súas entrañas, foi cando decidiu presentarse ás eleccións.

“Moitas persoas querían un cambio. Custaba que saíse unha alternativa e me tocou a min encabezala, respaldada por un equipo de xente”, detalla. “Deseñamos un proxecto, unha planificación estratéxica para adaptar o montañismo galego ó día de hoxe; que teña mais proxección social en tódolos ámbitos. É unha federación que pode crecer moito. Moitísimas persoas que non están federadas fan actividades no medio natural. Hai uns riscos, unha formación que é precisa en moitas ocasións”, defende.

O equipo capitaneado por Josefina Maestu debía enfrontarse ó do presidente en activo dende 2010, Adolfo Puch. Josefina ofertou unha integración que Puch rexeitou. “A nivel persoal non hai problema”, matiza. “Era un desacordo na xestión, que pensabamos que tiña que cambiar”. Ela e os seus colaboradores iniciaron a súa campaña en febreiro. Empregaron a información do censo electoral, os enderezos das webs e as páxinas de Facebook para multiplicar os contactos cos diferentes estamentos. “Fixemos un bo traballo”, destaca. “Quixemos que a xente tivese información. A educamos neste proceso porque moitos nunca se enteraban de cando había eleccións. Transmitimos que contabamos con todos; que calqueira persoa que quixese colaborar tiña cabida no proxecto, sen discriminar a ningúen”.

En una escalada.

En una escalada.

As estructuras federativas promoven a continuidade. Iso obriga a un esforzo suplementario dos candidatos opositores. “Sabemos que é complicado desbancar a un presidente, pero tentamos o posible para que a federación mire cara ó futuro”, engade. O plan resolveuse con éxito. Na asamblea, celebrada na Casa do Deporte en Vigo, Josefina recibiu 43 votos dos asambleístas, por 12 a Puch e 3 abstencións. Como membros da comisión delegada foron escollidos Asociación de Escaladores Ourensáns, Club de Montaña Xesteiras, Club de Montaña Vértice, Elvira Verea López de Guereño (deportistas), Javier Aradas Mariñas (técnicos)e Xosé Lois Freixeiro López (árbitros). A nova presidenta tomou posesión do cargo oficialmente o día 13.

Josefina Maestu quere pechar este periodo sen fendas na familia do montañismo galego. “O proceso electoral foi moi longo e suceden moitas cousas. Pero só queremos falar en positivo, sen mirar cara a atrás. Respectamos o traballo que fixeron todos os presidentes, xuntas directivas e asambleas. Facemos borrón e conta nova. Só queremos mirar cara ó futuro, traballar e tentar facelo o mellor posible”.

O seu programa electoral, convertido xa en Plan Estratéxico da Federación Galega de Montañismo, inclúe máis de 100 medidas, que abranguen todo tipo de cuestións. A escalada, por exemplo, “está crecendo moito e crecerá moito máis. Vai máis xente ó medio natural e teñen que aprender a respetalo. Outros irán só a rocódromos como actividade física, social; coas escolas deportivas en aumento. Faltan infraestructuras. No rocódromo da Coruña inaugurouse a ampliación a semana pasada. En Vigo abriron o de Sárdoma, pero precisase un rocódromo de mais altura e que poida acoller as tres disciplinas de escalada, bloque, dificultades e velocidade. As tres van ser olímpicas”. Recorda que pese ás fallas, Galicia conqueriu trece medallas no último Campeonato de España de velocidade. E que Erik Noya, subcampeón mundial en 2021, malia que de orixe venezolano e residente no CAR de Sant Cugat, é neto de galegos e como galego figura empadroado, con visitas frecuentes.

Reclamación á Xunta

“As federacións tenden á profesionalización. Ten que haber unha estructura porque cada vez temos máis federados”, salienta. Son 7.512 os practicantes con licencia e más de cen os clubes. Un número que non se corresponde, no seu xuizo, co apoio da Xunta de Galicia. “Temos moi pouca subvención nominativa”, asegura. Foron arredor de 28.000 euros en 2022, que se incrementarán ata os 30.000 o vindeiro ano. Josefina compara coa Federación de Espeleoloxía, que en 2021 recibiu 26.000 euros polas súas 277 licencias. “Temos que reinvindicar os nosos números e os nosos resultados e acadar mais respaldo da Xunta. Tentaremos dar mellor servicio ós clubes, deportistas, árbitros e técnicos para que teñan mais recoñecemento social, nunha fedración que vai da man da saúde”.

Josefina Maestu.

Josefina Maestu.

A súa garda acaba de escomenzar. A axenda ensarillase con dous fillos ó seu cargo, oficio, adestramentos. Non lle colle de sorpresa. “Sei o que me ía encontrar. Son vicesecretaria da Asociación Galega de Xestores Deportivos. Xa coñecía a presidentes doutras federacións. O cargo require tempo. Non só polo traballo, senón polas relación cos clubes, concellos, deputacións; asistir a probas, presentacións e reunións de traballo. Aínda que hoxe as reunións telemáticas favorecen moito”. Ó día seguinte tiña previstas tres encontros de alta montaña, sendeirismo...

Josefina asume a herdanza dunha federación fundada en 1963. É asemade consciente do seú papel de pioneira, xa que primeira muller que a gobernará. “Doulle moita importancia. Dirixir unha federación non é doado. Tes que ter moitos coñecementos e respaldos. Un bo xestor deportivo é o que sabe delegar e sumar esforzos, traballando en equipo”, analiza. “Ser presidenta dunha federación de montañismo para min é moi importante. Ó principio saían moi poucas mulleres á montaña. Agora saen mais (son 3.022 as federadas). Nun deporte individual ás veces hai egos. Aquí, non. Hai un proxecto común. O montañismo galego da unha lección á sociedade”.

Suscríbete para seguir leyendo