A renovación da música galega ten voz de muller. Faia Díaz —unhas das De Vacas e agora empeñada en proxectos máis persoais—, o terremoto Tanxugueiras, Antía Muíño —que acaba de gañar o premio Martín Códax a Mellor Artista Emerxente— e LaMontagne son cantantes nacidas entre finais dos 80 e os 90 e que, dende distintos enfoques, están a traer a tradición lírica e musical do país ao presente máis avanzado.

Unha das vías que explora esta última, acompañada do dj PicoAmperio, é a de amoldar os textos das cantigas medievais a sutís melodías arroupadas de electrónica. Un exemplo é 'Porque no mundo', segundo adianto do que será o seu moi agardado primeiro disco, Algo que sinalar. Levantaron máxima expectación cos seus primeiros temas e xa de inmediato, en 2019, gañaron o Martín Códax na categorías de Músicas Urbanas. Ao fin, o traballo verá a luz o próximo 8 de novembro.

Nesta nova peza, LaMontagne & PicoAmperio reinterpretan a cantiga de Airas Nunes 'Porque no mundo menguou a verdade'. Unha voz hipnótica canta os versos do trovador galaico-portugués da segunda métade do século XIII mentres se enfían con atmósferas densas e ritmos tribais.

A canción, que chega tras 'Banharemonos nas Ondas' —nese caso sobre textos de Martín Códax—, vén acompañada dun potente videoclip de cariz distópico rodado por Trece Amarillo, responsables dos últimos clips das Tanxugueiras. Foi filmado en Guitiriz, a aldea de Aceredo, Ribadumia, Santiago de Compostela ou no mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro (si, na mesma igrexa na que Enrique Iglesias gravou parte do seu polémico e moi subvencionado vídeo para 'Noche y de día').

Nun comunicado, o dúo mostra a súa ilusión pola sáida do seu primeiro álbum: “Sentimos orgullo de ter culminado este obxectivo, de dar este paso tan importante nesta aventura. Temos moitas ganas de que o público escoite as cancións e que á xente lle poidan servir dalgún xeito, como nos sirven a nós para navegar nesta realidade”.