A cantante Faia Díaz, unha das voces das virais De Vacas, decidiu investigar arredor das cancións e da música tradicional galega e, sobre todo, das mulleres que as cantan, das historias que están unidas a esa música. O resultado é Ao Cabo Leirín, publicado en vinilo a pasada primavera con grande éxito de crítica e que agora está dispoñible nas plataformas dixitais.

No disco de Faia conviven dúas caras: nunha, a da propia artista cantando estas cancións tradicionais; na segunda, recupera gravacións e voces de mulleres que antes que ela transmitiron estas historias atemporais. Tamén no directo utiliza esa dobre vía e cede parte do protagonismo as súas predecesoras. Logo do seu recente paso polo Festival Ciclicka en Vigo, poderá comprobarse este mércores no Modus Vivendi de Santiago.

Meses despois de que o álbum se publicase en formato físico, lánzase da man de Raso Estudio e en todas as plataformas dixitais a primeira das caras: a que interpreta Faia, que contou co Hevi (Malandrómeda) como aliado na produción artística e técnica do álbum. "A parte "B" do disco, que é na que aparecen os arquivos orixinais das mulleres mestras, segue estando reservada a esa tirada de 300 vinilos, tampouco está na nosa web, hai segredos antigos que non admiten ser subidos a internet", explica Faia.

"Un álbum no que non hai efectos nin filtros nin posprodución. Todo foi cantado e gravado en crú; e todo chega aos nosos oídos do mesmo xeito: coa verdade como fractura exposta", di Raso Estudio.