Se abriron ollos e orellas co “Avelaneiras frolidash” de Airas Nunes ou o “Ondas do mar de Vigo” interpretados por Laura Montagne & Picoamperio en clave dixital, contemporánea pero sen perder solemnidade (poden velos no YouTube), de seguro disfrutarán hoxe co Concerto do Día das Letras Galegas en homenaxe a Xela Arias. Se non os coñecen, deberían. O grupo é o convidado polo Consello da Cultura Galega para tan importante cita. Se non lograron entrada para hoxe no Auditorio Mar de Vigo, poden segui-la actuación ás 20.00 horas vía streaming na web do Consello ou da CRTVG; ou mañá luns n TVG 2 en diferido.

"Imos plantexa-lo concerto como unha mistura entre o noso repertorio e as composicións que fixemos para Xela Arias. Ó final, imos pecha-lo acto co himno de Galicia como se adoita facer neste concerto que organiza o Consello da Cultura Galega. Imos innovar un pouquiño, levando o himno ó noso terreo, cos nosos scratches, loops de voz... As composicións de Xela tamén teñen eses elementos todos porque creamos con eles, compoñemos co ordenador”, explica Laura Montagne.

–Lembra que sentiu a primeira vez que leu a Arias?

–O primeiro que sentín foi estrañeza. Non entendía ben cal era a combinación para abrir a súa caixa. Decateime de que a lectura non era doada. Eu creo que ela tiña esa intencionalidade nos poemas, quería que houbera cousas opacas, veladas. Tes que ir ata os versos e abri-la porta, face-lo esforzo de entrar e ver que hai. Iso é un exercicio marabilloso para o cuestionamento das cousas que ela propón na súa obra. A min, iso apaixóname. Anímate a cuestiona-las cousas.

–Como escolleron os poemas?

–Do primeiro poemario, “Denuncia do equilibrio”, collimos uns e outros de “Tigres coma cabalos”. Son os piares básicos para as composicións. No momento da composición de música, plantexámolo como unha jam session recitando co libro na man escollendo poemas ó azar. De aí, fixemos un proceso de selección pulindo o significado dos poemas, o que hai en común entre eles. Hai poemas que falan dunha banda e outros que lle responden. Entre aspas, é un collage. A intención é esa. Tamén hai un poema co que acabamos que é “Poesía dispersa”, que non están en ningún dos poemarios.

–E esta pegada de Xela Arias coincidirá con Códax.

–Coincidirán. Esas cantigas que levamos sempre connosco no repertorio habitual tamén estarán. E como non! Ó estar no Auditorio Mar de Vigo é obrigatorio cantar “Ondas do mar de Vigo”. Se o deixamos fóra, creo que non saímos vivos do auditorio. É un sitio moi especial, estar tan preto da ría e cantar esa canción, é moi sentimental.

–Vostedes van misturar música, recital e vídeo...

–Si, as videocreacións lévaas Borja Bernárdez, que é de Vigo. El acompañou ó grupo Cró! facéndolle os visuais nos concertos. Son vídeos xerados dixitalmente e paréceme curiosa esa creación dende cero dende o ordenador.

–Tamén estarán Soko e IC3peak en espírito.

–Esta linguaxe que ás veces usa Xela que é un pouco violenta con metáforas punzantes e cortantes lévanme a pensar na música de Soko, en concreto, no disco “Pensei que era un alien”. E IC3peak é un grupo de Rusia, superescuro tamén, bastante antisistema e lévame a pensar que todo isto ten algo que ver con ese afán de destruír dende dentro, co cuestionamento da linguaxe.

–Os de Xela son poemas de hai 30 anos pero moi contemporáneos.

–Si, as cousas son cíclicas e volven e ó mellor hai algún tipo de inestabilidade na sociedade ou non tempo que estamos a vivir e que é semellante ó rebumbio que había nos 80 que eu non vivín. Por iso, pode ser que os seus poemas sexan útiles para cuestiona-la realidade de hoxe en día.