Investigan os ataques contra a maquinaria dunha construtora da área de Santiago

Un dos responsables de F. Gómez y Cía S.L. denuncia tres sabotaxes: cortaron os cables dunha máquina, intentaron queimar un camión e prendéronlle lume a dúas escavadoras

Unha das escavadoras en chamas en Baíñas, Vimianzo.

Unha das escavadoras en chamas en Baíñas, Vimianzo. / BOMBEIROS COSTA DA MORTE

José Manuel Ramos Lavandeira

A empresa F. Gómez y Cía SL, con sede en Touro e titular das dúas escavadoras que resultaron calcinadas na madrugada do domingo en Baíñas (Vimianzo), xa sufrira outros dous intentos de sabotaxe nas últimas semanas, segundo sinalou Juan Carlos Sánchez, un dos responsables da compañía.

“Estamos sorprendidos e moi doídos porque nunca antes nos sucedera algo así, non tivemos problemas nin recibimos ameazas de ninguén. É máis, temos moi boa relación coas empresas do sector”, engadiu.

Todo comezou hai dúas semanas no centro de Lugo, onde lle cortaron os cables a unha máquina da empresa que estaba estacionada nunha rúa. “Pensamos que sería polo cobre”, sinalou Juan Carlos Sánchez, pero uns días despois, en Campo Lameiro (Pontevedra), onde están a traballar na construción dun parque eólico, tentaron queimar un dos seus camións. A rápida actuación dun dos vixiantes evitou males maiores. “Somos conscientes de que alí hai certa presión social en contra do parque, pero nós só somos unha empresa que se limita a executar os traballos que nos contratan”, subliñou.

A situación agravouse esta fin de semana, cando na madrugada do domingo, dúas grandes escavadoras quedaron totalmente inservibles tras ser incendiadas en Baíñas (Vimianzo). A actuación dos bombeiros de Cee evitou que outra máquina fose pasto tamén das lapas. Estaban estacionadas na zona das obras de ampliación da estrada, nas que levan traballando varios meses.

Esto só pode ser obra de loucos, pois é un sinsentido, e agora estamos coa incerteza do que poida pasar nas outras corenta obras que estamos a executar”, indicou o responsable da empresa, quen ademais sinalou que ás elevadas perdas “que isto nos vai supoñer, hai que engadir os problemas de organización, pois inevitablemente ao non poder contar con estas máquinas, a obra de Baíñas verase demorada, esperemos que o menos tempo posible, e tamén outras que tiñamos programadas”.

Agarda que as investigacións abertas pola Garda Civil permitan esclarecer quen ou quenes están detrás destes actos de sabotaxe, e que non se repitan “pois están a xogar con 270 postos de traballo”.

Polo momento, as escavadoras queimadas permanecen no lugar onde foron incendiadas “ata que a Policía Xudicial autorice retiralas, unha tarefa que non será fácil tampouco, e ao mellor hai que despezalas alí porque son irrecuperables e á zona onde están non acceden as grúas que poderían quitalas”, segundo o responsable de F. Gómez y Cía.

A volta ao traballo este luns “foi complicada, porque psicolóxicamente estamos moi afectados, pero temos que seguir adiante”, concluíu.