James Rhodes acabou o 2021 co propósito de Aninovo de mellorar o seu galego, hai un par de días volveu a Twitter con chiscadela incluida ao idioma (e a retranca) do país na foto de benvida, e este martes a súa relación con Galicia protagoniza de novo un dos seus chíos. Neste caso, ademais, conflúen unha presada de amores: a este recuncho de noroeste peninsular, aos seus amigos Tamar Novas e Belén Cuesta e á comida. E é que a parella de actores agasallouno coa vaixela máis galega que se poida imaxinar: a de Sargadelos. "O agasallo máis fermoso de sempre", comenta o célebre pianista sobre un par de fotos coas características pezas de cerámica.

A mensaxe de Rhodes está chea de emoción e humor polo detalle dos seus amigos: "Cada vez que coma (polo menos 6 veces ao día) estarei pensando neles". Tamén confía moito na durabilidade de Sargadelos ao prognosticar que os pratos e cuncas lle durarán para sempre.

Non é a primeira vez que o actor Tamar Novas protagoniza algún dos chíos de amor a Galicia de Rhodes. Por exemplo, cando marchou de Vigo na súa primeira visita, escribiu na rede social que tería que quedar co seu amigo a cear para curar a morriña.