Síguenos en redes sociales:

Educación

Escolares do Porriño coñecen a actividade municipal

O Concello organiza visitas guiadas á casa consistorial para o alumnado da vila

Escolares do Porriño coñecen a actividade municipal

O Concello do Porriño pon en marcha dende este mes de xaneiro as visitas guiadas ao edificio da Casa do Concello dirixidas aos estudantes de 3º de Educación Primaria dos centros educativos do municipio, de 1º da ESO dos institutos e tamén ao alumnado de Aceesca.

Os encargados de inaugurar a iniciativa foi un grupo de escolares do CEIP Xosé Fernández López. Ata o de agora xa se celebraron dúas sesións, que se prolongarán, periodicamente, ata marzo. Nestes tres meses a casa consistorial recibirá a visita dun total de 397 estudantes, que farán un percorrido de aproximado de 45 minutos.

A Concellería de Educación e a OMIX organizan esta actividade en colaboración cos centros educativos do Porriño para que o alumnado participante, acompañado por unha funcionaria municipal que actúa como guía, poida coñecer a historia do edificio e as funcións das distintas salas e espazos, así como as dos órganos municipais que ocupan cada unha delas

Os escolares percorren os corredores das dependencias municipais, entran no salón de plenos e saen ao balcón dende o que tradicionalmente se pregoa o inicio das festas do Cristo e do Entroido, entre outros grandes acontecementos festivos da vila.

As visitas finalizan na Alcaldía, onde son recibidos polo rexedor, Alejandro Lorenzo, que se encarga persoalmente de explicarlles cal é a súa función e como é o seu día a día. “Para min é un pracer recibilos, amosarlles o que se fai no Concello e facelos partícipes. Pero tamén o é escoitalos e aproveitar este momento para resolver as súas dúbidas, contestar as súas preguntas e tamén recoller as propostas que teñen para mellorar o seu pobo e o seu colexio”, explica o alcalde. “Estar con eles sempre é enriquecedor para min, como persoa e como alcalde, xa que teñen moito que dicir”.

Pola súa parte, a concelleira de Educación, Carolina González, subliña que “con esta iniciativa de portas abertas pretendemos dar a coñecer en profundidade o Concello aos máis pequenos, xa que normalmente só teñen acceso á zona de rexistro cando van acompañados dun adulto, e tomen conciencia da importancia de participar na vida municipal”.

Pulsa para ver más contenido para ti