Síguenos en redes sociales:

Tradición

A romaría de San Cosme e San Damián chega a Baiona co outono

Mercado, música e actos litúrxicos dende hoxe e ata o luns, festivo local

A romaría de San Cosme e San Damián chega a Baiona co outono

“Apostar pola recuperación e posta en valor do arraigamento de festas tradicionais que suman legado e vangarda, ese é o obxectivo do Concello de Baiona ao celebrar a romaría de San Cosme e San Damián”, explica o alcalde Carlos Gómez.

O evento dá a benvida ao outono, que xustamente entrou onte. Dende hoxe sábado e a ata o luns, festivo local, haberá liturxias, moita música e, sen dúbida, o máis destacado, a Festa do Mel e das Noces, na que calquera persoa que se achegue poderá adquirir non só mel e noces senón todo tipo de produtos do campo, froitas, verduras, apeiros de labranza, aceites, plantas ornamentais, produtos cosméticos naturais, antigallas, artesanía e un longo etcétera. Os postos permanecerán instalados ao longo destes tres días na Praza de Santa Liberata, estendéndose pola rúa Marqués de Quintanar ata a Glorieta de Colón.

A programación da comezo esta mañá cunha cata de mel, ás 11.30 horas, no local da parroquia, onde ás 18.00 horas haberá unha charla sobre apiturismo. Tamén pola tarde, a partir das 17.30 horas, pasarrúas coa asociación cultural A Seneira e ao solpor música tradicional e DJ Viktor Flores.

O local da parroquia volverá acoller outra conferencia mañá, ás 11.30 horas, baixo o título “Que bonitas son as abellas”. De xeito paralelo, A Seneira volve protagonizar o pasarrúas matinal e pola tarde farano Os Terribles de Donas. Antes, ás 13.15 horas, actuación da asociación folclórica Vila de Baiona no atrio de Santa Liberata, no mesmo escenario onde o luns tocará o grupo de gaitas Os Trebellos, ás 13.00 e ás 18.45 horas.

Polo que respecta aos actos litúrxicos, hoxe ás 19.00 horas celébrase a Novena na Capela de Santa Liberata, mañá domingo será ás 18.00 horas e ademais haberá misas na Igrexa de Santa María ás 10.30, 12.30 e 19.00 horas. O luns 26 oficiarase misa na capela ás 08.00 e ás 09.00 horas e na igrexa ás 10.00, 18.00, 20.00 e ás 12.00 horas a solemne logo da procesión, programada para ás 11.15 horas acompañada por Os Trebellos.

Pulsa para ver más contenido para ti