Síguenos en redes sociales:

DEPORTE

Uns 200 ciclistas danse cita esta tarde no XV Trofeo Montes do Rosal

Tamén haberá unha andaina de recollida de lixo en espazos naturais

A Praza do Calvario é hoxe o punto de partida dos preto de 200 ciclistas que participarán no XV Trofeo Montes do Rosal, unha proba organizada polo Club Ciclista do Rosal en colaboración co Concello, a Federación Ciclismo Galego, a Fundación Deporte Galego, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, e que conta co patrocinio de outras entidades e empresas.

A proba dará comezo ás 16.00 horas e percorrerá a rúa Simón do Mazo, a estrada da Morraceira, o Camiño de Gandarela, a estrada de Santa Ana e a rúa Jesús Noia para volver á praza do Calvario. A cita congregará a participantes de varios clubs de ciclismo galegos que competirán nas categorías, masculina e feminina, Promesas, Principiantes, Alevíns, Infantís, Cadetes e Juniors. Dada a situación sanitaria, non haberá público e levaranse a cabo todas as medidas de prevención para garantir a seguridade de todos os participantes.

Dende o Concello felicitan ao Club Ciclista O Rosal pola organización deste trofeo e pola celebración neste 2021 do seu 40 aniversario, “catro décadas de dedicación e loita polo ciclismo e polo deporte de base”.

Día do Medio Ambiente

Tamén hoxe no Rosal se celebrará o Día Mundial do Medio Ambiente cunha andaina para a recollida de lixo en espazos naturais aberta a todos os públicos. A ruta realizarase en grupos reducidos e cumprindo con todas as medidas de precaución e seguridade necesarias dada a situación sanitaria.

As persoas interesadas en participar deberán presentarse ás 17.00 horas na Casa do Río, o antigo matadoiro. Unha vez xa no punto de encontro a organización distribuirá a todos os participantes en grupos en función do número de persoas e repartirá o material necesario para a actividade.

Pulsa para ver más contenido para ti