Síguenos en redes sociales:

A nova do descubrimento

Baiona festexa as vodas de prata da Arribada

A chegada do mes de marzo ten un significado moi especial para a vila de Baiona porque conmemora o descubrimento de América coa Festa da Arribada. Este ano o evento cobra maior repercusión coa celebración do seu vixésimo quinto aniversario. Mercadores, cabaleiros, trobadores e xograres están convidados á festa.

Baiona conta os días para subirse á máquina do tempo e aterrar en 1493. Coa nova do descubrimento de América como fío condutor, a vila festexará a Arribada, festa que cumpre este ano ás súas vodas de prata dende o venres 28 de febreiro ata o 1 de marzo.

Por diante quedan tres días para desfrutar dos actos que dan forma a este evento que transforma a vila de Baiona nun burgo medieval coa algarabía de mercadores, comerciantes, artesáns, trobadores e xograres. Infinidade de actividades de lecer e reconstrucións do relato que Martín Alonso Pinzón e os seus tripulantes fixeron sobre o gran descubrimento cando chegaron a Baiona o 1 de marzo de 1493 ocuparán a axenda de veciños e visitantes.

As actividades completaranse cunha cerimonia oficial na que participarán os representantes dos Concellos de Palos de la Frontera, Santa Fe de Granada, Vila do Bispo e Pornic, vilas irmandadas con Baiona que ocuparán tamén un lugar destacado na axenda menos protocolaria con postos dos seus produtos típicos nos soportais do paseo Ribeira. Ademais, una das novidades desta edición e a celebración do primeiro Foro Iberoamericano Cuba-España- Baiona, que terá lugar o xoves 27 no Salón Medieval do Parador coa participación de destacadas personalidades políticas, económicas e empresariais de ambos países.

Isto e moito máis para conmemorar un cuarto de século dunha festa que naceu grazas a un grupo de alumnos do IES Primeiro de Marzo. Precisaban cartos para a viaxe de fin de curso e, para conseguilo, instalaron un posto de rosquillas e licor nos soportais da praza Pedro de Castro.

Aquel foi o xerme dunha festa que na actualidade coloca a Baiona no mapa, pois dende 2015 está considerada de Interese Turístico Internacional, unha distinción honorífica que comparte con eventos como as Fallas de Valencia, a Semana Santa de Sevilla, a Tomatina de Buñol ou a Feria de Abril de Sevilla.

Que conmemora a Arribada?

  • Fai 527 anos que chegou a Europa a nova do descubrimento de América. Facíao da man dos tripulantes da carabela Pinta, unha das tres embarcación da expedición dirixida por Cristóbal Colón. Un fito da historia universal que converteu a Baiona nun dos seus escenarios protagonistas; e é que foi precisamente neste enclave do Val Miñor onde se coñeceu en primicia a existencia do Novo Mundo. Foi o 1 de marzo de 1493, cando La Pinta, capitaneada por Martín Alonso Pinzón, atracou no porto baionés.A viaxe de volta para dar conta ós Reis Católicos do descubrimento de América foi convulso e, á altura das Azores, un gran temporal separou á Niña e á Pinta, as dúas embarcacións que retornaban a España. O almirante Cristobal Colón, ós mandos da Niña, tomou rumbo sueste e arribou en Lisboa días despois de que Martín Alonso Pinzón o fixese en Baiona, aconsellado polo baionés Cristóbal García Sarmiento. O barco atracou no porto galego o 1 de marzo de 1493 e, tras difundir a nova do descubrimento, a carabela retomou o rombo cara o seu destino, Palos de la Frontera, onde chegou o 15 de marzo.
Pulsa para ver más contenido para ti