A inauguración do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, o 4 de xaneiro de 2013, veu precedida pola incógnita do seu bautismo. Moitas voces agardaban que o novo espazo levase o nome de quen o dirixira durante 46 anos. Non obstante, non foi así, e ao tratarse da sexta edificación da entidade, o ordinal pasou a ser a súa nomenclatura oficial.

Con todo, se a Real Academia Galega saldou a súa débeda histórica cunha das figuras máis sobranceiras do noso ámbito cultural, aínda podería caber a esperanza de que a Deputación de Pontevedra acordase honrar ao gran polígrafo da nosa literatura dedicándolle un dos edificios da institución.

O Museo de Pontevedra é o maior legado de Xosé Filgueira Valverde. Ocupou boa parte dos esforzos da súa vida, xa que o "vello profesor" desempeñou un papel clave na institución prácticamente desde que se constituíu ata ben pouco antes do seu pasamento, case 70 anos.

En 1929 é designado secretario do seu padroado e malia que é trasladado para dar clases no instituto de Lugo manterá o seu cargo. Cando regresa a Pontevedra en 1940 é nomeado director do centro, posto que ostentará ata 1986.

"É importante porque é un museo vivo, semella un fogar. É o que necesita unha localidade como Pontevedra, un museo variado, misceláneo. E sobre todo porque é un importantísimo centro de estudos, polo que pasan preto de 500 investigadores cada ano, onde hai unha biblioteca de 70.000 volumes, unha das mellores hemerotecas galegas e un arquivo riquísimo", explicaba o propio Filgueira Valverde nunha entrevista na Televisión de Galicia nos anos 90.

Filgueira e o seu equipo de colaboradores concebírono como o templo do patrimonio galego, unha entidade que velase pola súa conservación e posta en valor, así como un polo dinamizador da cultura galega e aberto á sociedade.

O intelectual e os seus colaboradores son os responsables de que dúas das principais e múltiples xoias que habitan o Museo de Pontevedra ficasen en Galicia. Trátase do Tesouro de Caldas e da obra de Castelao.

"El e outro fundador, Fermín Bouza Brey, conseguen que o fabuloso tesouro prehistórico de Caldas (se cadra o máis importante do Bronce Antigo de Europa occidental) atopado en 1940 non acabase todo en lingotes no mercado negro senón que hoxe poidamos contemplalo nas vitrinas do Museo de Pontevedra e estuda-lo que nos di da nosa prehistoria", relata Xesús Ferro Ruibal nunha biografía sobre o "vello profesor". Esta xoia está composta por un peite, tres vasos, vinteoito aneis, tres barras e seis láminas de ouro.

A outra gran xoia é a obra de Castelao. Así relata Carlos Valle, director do museo e protagonista directo dos feitos, como chegaron os debuxos do histórico político galego a Pontevedra:

Carlos Valle, director do Museo de Pontevedra, na sala Castelao.

Fai clic para ver o vídeo

O epicentro das celebracións

Hoxe o Sexto Edificio acolle diversas actividades para festexar o Día das Letras Galegas consagrado a Filgueira Valverde. Ademais do acto central, previsto para as 13.30h, pode visitarse una exposición sobre a vida e obra do "vello profesor". A mostra, que estará aberta ata o vindeiro día 24 de maio, conta con fotografías, obxectos persoais, os seus libros e ata una recreación do seu despacho no que durante tantos anos fora o seu segundo fogar.

A mostra no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra.

Fai clic para ver o vídeo