A Cooperativa Hoxe, de Prado (Lalín), é unha das pioneiras do etiquetado en galego na bisbarra. Onte participou nunhas xornadas organizadas polo Consello da Cultura Galega baixo o lema: Etiqueta na túa lingua, camiña polo mundo con identidade. Na cita estivo presente o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, quen resaltou a importancia e o valor da etiquetaxe en galego como un sinal de "identidade e proximidade". Nos actos tomou a palabra, entre outros, o xerente da cooperativa, Lito Andión, quen participou nunha mesa redonda sobre Marca e etiquetaxe en lingua galega.

Na cita analizouse a presenza da lingua galega e outras minoritarias no campo do comercio e da industria, desde dous eidos: en canto a cantidade e calidade da súa presenza no ámbito económico e social, e as súas posibilidades e potencialidades como valor de marca e como xeradora de valor engadido dos produtos nos actuais contextos económicos. Cabe destacar, que moitas empresas galegas incrementaron as inversións no márketing e apostan en mercados locais e internacionais cada vez máis competitivos. Isto supón investir en valor engadido para os produtos, polo que a etiquetaxe dos mesmo é algo fundamental nas estratexias de creación e posta en valor das marcas.

O principal obxectivo destas xornadas foi dar a coñecer o impacto, as posibilidades, as dificultades e os desafíos do uso da lingua, tanto no ámbito comercial, de interese tanto para os investigadores deste eido, como para os profesionais e estudantes do sector empresarial e da comunicación da corporación. Lito Andión, xerente de Cooperativa Hoxe, estivo presente nestas xornadas para resaltar o valor que ten facer a etiquetaxe dos seus productos en galego.

O xerente resaltou que "para nós, usar o galego nas nosas etiquetas e marcas, como poden ser Hoxe, Neno, Deza, Nai ou A Queixeira, ten un significado de orixe e de autenticidade do noso". Tamén resaltou que o consumidor destes produtos identifícaos como de: "calidade, vinculados á nosa contorna natural e que xera con iso unha economía socialmente sustentable". Considera que o consumidor é consciente de que está a comprar un produto de proximidade e que está axudando ao "mantemento da economía galega". Andión destacou a importancia da necesidade de apoiar as marcas que se identifican coa "nosa lingua e cultura" e resaltou a importancia de iniciativas coma estas.