Na nosa comarca durante os últimos séculos os veciños tamén acudían aos médicos, se non había outro remedio. Había médicos rurais aos que as familias pagaban cada ano en especie, e logo había especialistas en Santiago, algúns baixo o amparo da Universidade, aos que había que pagarlle de acordo cos seus altos honorarios.

En 1850 Manuel Gómez Díaz, dono do pazo de Xerliz, tivo un preito contra os médicos que atenderon a súa nai durante os seus últimos nove meses, porque lle pedían uns honorarios de 18.000 reais. Ditos médicos, os irmáns Agustín e Ignacio de Porto, o primeiro titular en San Pedro de Parada e o segundo de San Miguel de Moreira, atendían aos seus paisanos por un ferrado anual de trigo ou millo (ou de varios ferrados, segundo eles). A María Díaz atendérana con moita dedicación, "mediante sangrías, sanguijuelas, vegigatorios que estuvieran largo tiempo en supuración y fricciones". Ao parecer María caera no balcón da súa casa producindo unha conmoción interna na cabeza e no tronco, se ben logo lle diagnosticaron unha apoplexía. Para chegar a un acordo Manuel ofreceulles 4.800 reais, que eles estiveron de acordo en recibir, pero non chegaron a un acordo nos prazos. Finalmente o tribunal taxou a débeda en 1.600 reais.

José Buenaventura Araújo Luces, nacido en A Estrada en 1873, da "casa de Araújo" en Ponte Sarandón, era médico e tamén médico forense. Atendeu desde principios de maio de 1923 á marquesa de Casa Pardiñas, Mª Luisa Mayo Araújo, que era parente súa e viñera para Ouzande para repor a súa saúde, e cando morreu, o 27 de setembro dese ano, José embalsamouna para ser traslada ao cemiterio de Vilaxoán, lugar onde o seu home o xeneral de brigada Ramón Sanxurxo Neira tiña casa principal. Os herdeiros tamén se negaron a pagar os seus honorarios.

De Cora, da casa de Barcia, era Juan Ramón de Barcia Ferraces ou Avila, que se trasladou a Santiago onde estudou medicina, inaugurando unha xeración de médicos chamados Juan Barcia, que se prolongou ata o día de hoxe (sete xeracións), a maioría deles profesores de Universidade e dedicados ao cultivo das ciencias neurolóxicas, unha circunstancia pouco común que fixo que a familia figure no libro de Guiness dos Récords.

A finais do XIX vivía en Millerada o médico Francisco Ogando Soto, que redactou "Apuntes para la formación de una geografía médica de España correspondiente al titular de Forcarey", onde informa sobre os costumes, remedios, media de vida, etc. Así por exemplo di que se adoitaba beber viño e augardente, pero que grazas á súa calidade había pouca xente alcohólica.

D. Saturio De la Calle Sáenz foi doutor en medicina e cirurxía e fundou xunto a seu irmán Manuel o sanatorio Nuestra Señora del Carmen que foi inaugurado o 16 de xullo de 1944 e situado na parte norte da Serra do Pedroso nas aforas de A Estrada. Estaba dedicado preferentemente ás doenzas de tipo respiratorio, pois os aires de A Estrada considerábanse moi beneficiosos. Por iso e tamén en busca de aires salutíferos en 1926 estivo de mestre en Soutelo de Montes o poeta Amado Carballo, e no verán de 1959 estiveron tamén en Soutelo co mesmo fin os fillos de Filgueira Valverde, a quen se lle dedica este ano de 2015 o día das Letras Galegas.

Durante o século XX os concellos axudaban economicamente aos máis desfavorecidos, ata que o Goberno foi integrando a todos os españois na Seguridade Social de acordo cos artigos 41 e 43 da Constitución de 1978. A asistencia sanitaria á toda a poboación, en especial ás persoas carentes de recursos económicos suficientes é, de todas as prestacións da Seguridade Social, a que seguramente ten contribuído en maior medida a asegurar un mínimo benestar social a todos os cidadáns.

Hoxe en día temos en A Estrada e bisbarra unha oferta ampla tanto na medicina familiar como de especialidades, pero sentímonos especialmente orgullosos do Centro de Saúde de A Estrada, que foi premiado hai moi pouco como o mellor na súa categoría coa entrega dos Premios Best in Class, que promove a Gaceta Médica e a Cátedra de Innovación e Xestión Sanitaria da Universidade Rei Juan Carlos. Esperamos que, segundo se prometeu, pronto o Centro dispoña duns novos locais para atender a todos os estradenses.