Entramos no Pazo Torrado de Cambados, onde se dá cita un dos eventos anuais máis alquímicos da comarca en torno ao mundo do arte. Estamos a falar do ArtefactoSalnés 2016, chamado na presente edición "Cancioneiro".

E van seis anos xa. Este ambicioso proxecto artístico do instituto Ramón Cabanillas, encabezado polo profesor e artista Fernando Arenaz, e co que colabora o Concello de Cambados, dá como resultado un diálogo cara a cara de diferentes formas de ver un tema a través dos acolledores espazos do pazo.

Neste caso, como ben indica o título, é un cancioneiro, unha similitude cun libro de cancións, no que cada artista, alumno ou convidado, libremente escolleu unha canción calquera e interpretouna ao seu gusto a través do seu arte. Pintura, escultura, fotografía, instalación, ilustración, deseño gráfico, deseño de moda, vídeo ou a palabra escrita, crean un universo irrepetible, multidisplinar e diverso, sendo a distribución e montaxe das pezas de moita importancia para que o diálogo sexa coherente e harmónico. Cada peza ten como referencia unha canción, engadíndolle en ocasións a letra, código QR ou calquera información que o autor estime relevante. Os dez textos que hai nas salas están relacionados coas pezas e teñen a mesma relevancia que estas.

Participantes

Os artistas convidados (Alejandro Padín, Antonio Seijas, Anxo Pastor, Augusto Chaves, Begoña González, Carlos Álvarez Besada, Carlos Maño, Emérita Méndez, Enrique Conde, Eva Soto Conde, Fausto Isorna, Fernando Arenaz, Francisco Pazos, Héctor Quintela, Isi Vaamonde, José Luis Galiñanes, Jose Vaamonde, Juan Moreno, Lino Silva, Lois Magariños, Manolo Chazo, Marcela Santorum, María Pomares, Mario Iglesias, Menchu Outón, Mon Falcón, Paco Charlín Q., Quico Álvarez, Ramón Caride, Uxío López, Xaquín Chaves, Xose María Vila ou Xulio Gayoso) comparten espazo cos alumnos do instituto Ramón Cabanillas de Cambados (Alba Rodríguez, Ana Varela, Antía Rozas, Anxo Xesteira, Belén Portas, Cristina Betanzos, Diego Bugallo, Iago Domínguez, María Pérez, Mario Villanueva, Martín Castellano, Morad Akasbi, Noa Rial, Nuria Oubiña, Omar Nahid, Simón Rodríguez, Tomás Rivas).

Calquera canción serve de desculpa para a creación. As salas énchense de melodías de sons, formas e cores que dialogan, que nos falan doutros tempos ou deste, doutros lugares ou deste. En definitiva, das distintas formas de ver a arte e a vida. A exposición pode visitarse no Pazo Torrado ata o 12 de xuño de martes a domingos, das 17 ás 20 horas.

*José Vaamonde é técnico cultural no Concello de Cambados.