O poeta Antonio García Teijeiro (Vigo, 1952) presentaba na noite do venres en Vilagarcía, na librería Limiar, a súa última obra, “Bolboretas no papel”. García Teijeiro é hoxe unha das figuras máis destacadas da poesía para nenos. Premio Merlín en 1996 por “Na fogueira dos versos”, finalista do premio nacional en 1997, en 1998 este poeta vigués pasou a formar parte da lista de honra do IBBY e o seu libro “Versos de Agua” foi incluido na lista de libros en castelán “Los 100 del siglo XX”. Gran aficionado a música e devorador incansable de libros, este mestre e articulista, apaixoado e intimista, deixa traslucir ese xeito de ser en cada verso. “Bolboretas do papel” é o mellor exemplo.

- As bolboretas son as protagonistas do seu libro e son o denominador común de cada poema ¿Por que as bolboretas?

- As bolboretas son eses seres máxicos que destilan fermosura. As súas cores, os seus voos, as súas traxectorias. Igual que as palabras, que permiten crear beleza, xogar con elas, aloumiñar espazos…Lembro un entrañable poema de Lorca, un dos meus referentes poéticos, que comeza así: “Mariposa del aire/ qué hermosa eres…” Quixen seguir o ronsel que me marcaba a beleza dos versos e crear un lugar onde poden suceder as cousas máis incribles.

- ¿Cara a quen vai dirixido “Bolboretas no papel”?

- Os nenos son os destinatarios dos poemas. Pero non só eles. Os adultos con sensibilidade poden entrar nos poemas, descubrilos cos seus ollos de rapaces e dicilos en voz alta. Que os oian os seus fillos e fillas, os alumnos…e así contaxiarlles o amor pola palabra, pola musicalidade, pola cor.

- As bolboretas do seu libro visitan a varios poetas....

- Somos fillos das nosas lecturas. Teño obsesión por abrir camiños ao lector. Hai moitos poetas, homes e mulleres, que influíron no meu discurso poético. ¿Por que non abrir camiños novos, suxerir referencias aos cativos para ampliar o seu universo lírico? Xa ninguén inventa nada. Entre todos estamos a construír un poema inmenso no que se cruzan pegadas poéticas.

- ¿Séguese a ver a poesía coma un xénero menor por parte do público en xeral?

- Non, non é un xénero menor, senón minoritario. A poesía presenta dificultades nun principio que, unha vez superadas, provocan un gozo indescritible.

- ¿Cal é a saúde da poesía galega no momento actual?

- Sempre gozou de moi boa saúde. Na actualidade non varía esta sensación. Publícanse poemarios de calidade, a xente nova aparece con forza, hai unha variedade temática e formal moi rica e lese máis poemas que nunca.

- ¿E a polémica da lingua?

- Non percibo conflito na rúa. Son polémicas interesadas para crispar que me parecen intolerables. ¿Como se pode decir que o castelán está sendo agredido? Son intentos de confundir a opinión pública. Todos sabemos da situación da nosa lingua, o galego, e sinto nestes movementos un ataque á nosa identidade como pobo.

- ¿Como podemos potenciar hábitos de lectura nos nenos?

- Os rapaces len máis que nunca. Outra cousa é que hai que seguir avanzando. Necesitamos campañas de lectura eficientes, que os pais se conciencen de que na casa deben poñer a primeira pedra.Non se pode deixar caer sobre a escola toda a responsabilidade da lectura literaria. As cantigas de berce son a primeira mostra poética que os nenos reciben. Creo na literatura popular, os xogos de mans acompañados de fórmulas literarias, os poemas sonoros que provocan ritmo e musicalidade, as cancións, a lectura en voz alta, a xestualidade... E ese conto contado con agarimo polas noites na cama resulta entrañable e dunha intensidade afectiva que fai moito ben tanto aos adultos coma aos cativos.

- ¿Ten outros proxectos?

- Seguir escribindo sen rebaixar o máis mínimo a calidade literaria e o respecto polos lectores, e continuar cos talleres poéticos e conferencias.