Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

O Imperio e os xestos

En 1968 sopraban sobre Francia duros ventos de fronda. Non só se ocupaban facultades. Tamén a bandeira vermella ondexou sobre as fábricas. Nin o Deuxieme Bureau nin policía ningunha tiña pendurados das súas salas de conferencia mapas cognitivos dos grupúsculos revolucionarios que sorpassaban o PCE pola esquerda. Daquela Charles de Gaulle fixo un xesto: voou a Alemaña e visitou as bases do exército francés que ocupaba militarmente aquel país. Como no tempo de Alxeria, o presidente da república comparecía sempre de uniforme naqueles días que conmoveron a Europa do benestar. Definitivamente, nin o ocaso das ideoloxías era verdade nin a xuventude francesa (nin a galega, ollo) estaba adurmiñada nin tan escéptica como a encontraba o bon de J.L.L. Aranguren, que, ao tempo, facía méritos porque lle esquencésemos a ficha na que figuraba de falanxista.

A política pode ser previa á guerra, como explica Clauseviz en escuras reiteracións, e os xestos poden ser previos á política. Obama presentouse en España (a Galicia non veu porque este noso país carece de relevancia internacional) e foi recibido no patio do Pazo por un rei submiso a quen lle correspondía impresionar o presidente no salón do trono. Logo, Obama, deulle plantón á monarquía española declinando a invitación a unha cea ou xantar de Estado. Puido arder (ver Ruedo Ibérico) o Pazo en lumieiras reflectidas nos colares e nas tumbagas e nas condecoracións, pero Obama non viaxara a España para asistir a seráns de etiqueta senón para advertir que América (a deles) está moi preocupada polo ascenso na caduca Iberia dunha esquerda moi mal considerada e pior catalogada, así como imprecisamente coñecida polo Departamento de Estado.

Norteamérica coñece ben o PSOE, porque axudou a refundalo dúas veces (unha con Llopis e outra con González) e sabe moito do PNV, ao que apoiou sempre. O PP é incondicional do Imperio. Pero Podemos e as novas formas de varios nacionalismos na escena emerxente danlle medo ao Imperio. Como que llo daban os grupúsculos a De Gaulle. Igual ca este, Obama viaxou ás bases. A Rota e Torrejón de Ardoz, parcelas de España que o franquismo lle entregou ao vencedor de Santiago de Cuba e de Cavite. Alí Obama recibiu a Pablo Iglesias, para humillalo. Este entregoulle un libro sobre a participación norteamericana, e preta, nas Brigadas Internacionais.

Compartir el artículo

stats