Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

Algún día fomos o futuro

Non se pretende arremedar unha das últimas frases do xa ex-Primeiro Ministro británico, David Cameron, pero é certo que nalgúns momentos da vida un pode presentarse ante a sociedade como visionario, pero o tempo sempre acaba recompoñendo os contextos para que o que antes era unha fantasía de futuro agora sexa unha frustración.

Este dilema está sempre enriba da mesa dos que temos que decidir, ano a ano, cal é a formación universitaria que precisa a nosa mocidade. Cada vez que se abre este proceso, temos unha sensación de visionarios e valoramos presentar titulacións con nomes emocionantes, ou mesmo convertemos nunha estratexia perfectamente documentada algo que simplemente é unha moda pasaxeira.

Acertar en cada caso é a clave do éxito e para iso debemos analizar con moito detalle tres variables. A primeira delas é a oportunidade. A interpretación correcta do presente precisa dun amplo coñecemento do pasado e, por iso, cando nos referimos ao concepto de oportunidade enfrentámonos a unha serie de elementos que foron xurdindo e madurando ao longo dos anos para, nun momento dado, poder ser convertidos nunha carreira universitaria. Debemos fuxir sempre de aparentes oportunidades mal documentadas ou non estudadas profundamente. Un erro neste sentido podería levarnos a facer unha oferta docente con serios problemas de aceptación social e, polo tanto, de dubidoso éxito laboral para os futuros graduados.

A segunda das variables que se debe considerar é a posibilidade. Podemos estar dacordo coa oportunidade, pero é imprescindible analizar as posibilidades e as capacidades reais para impartir unha docencia de calidade, con bos profesores e profesoras e cunhas instalacións que permitan unha formación axeitada. Aquí, de novo aparece a pantasma da ilusión desenfrenada, que en varias ocasións nos ten levado a crear castelos de aire onde os máis perxudicados sempre eran os estudantes e as súas familias que depositaran en nós a confianza de comezar a labrar un futuro profesional de calidade.

A terceira cuestión céntrase no compromiso social que calquera institución universitaria debe ter coa cidadanía, especialmente se falamos de universidades públicas. Na decisión da oferta docente debe estar sempre presente un equilibrio entre o avance do coñecemento, os desexos dos que se queren matricular e as necesidades da sociedade. Hai poucos días, o director da Real Academia Española da Lingua, o profesor Darío Villanueva, manifestaba a necesidade de ter unha formación básica ampla, fundamentada en coñecementos transversais e de todas as áreas de coñecemento que permita construir modelos de pensamento baseados en coñecemento, intelixencia, talento e esforzo.

Nesta época da humanidade que nos tocou vivir, gozamos de tecnoloxías que nos serven de memoria e de ferramenta para boa parte dos traballos que facemos día a día. Tamén é unha época que nos permite comunicarnos con miles de persoas sen importar nin os horarios nin os quilómetros. A sociedade, especialmente a mocidade, ten que adaptarse a este novo entorno porque van ser os que desenvolvan esas mesmas ferramentas no futuro e para iso, como se fixo en cada gran avance da humanidade, precísase ter un bo coñecemento da historia e ir asentando correctamente as bases do coñecemento do futuro. Podemos discutir se hai que estudar a Platón igual que se facía hai cincuenta anos. Podemos discutir tamén se a unha parella de números separados por unha raia lle chamamos "quebrados" ou "fraccións". Pero o que non se pode discutir é que coñecer o pensamento de Platón ou saber matemáticas é imprescindible para elaborar leis, drons ou calquera outra cousa que precisemos nestes primeiros anos do milenio.

Nos últimos anos proliferaron demasiado debates pouco documentados e incluso demagóxicos sobre o exceso de universidades ou sobre a desaparición de titulacións. Non se debe evitar esta discusión e incluso se debe alentar, pero enfocando o problema dun xeito global, analizando as necesidades actuais e calculando os camiños que nos deben levar ao coñecemento do futuro.

Mal empezamos, cando dicimos que sobran títulos coma Filosofía ou Filoloxía clásica, sen aportar nada máis que unha idea vaga do custe económico que ten manter unha titulación coma as mencionadas. Mal empezamos, cando cremos que os setenta mozos e mozas que estudan calquera destes títulos non lle teñen nada que aportar á nosa sociedade.

Para empezar ben, sen embargo, cómpre recordar a diferenza entre a sentenza "algún día fun o home do futuro", dita por Tony Blair, Al Gore ou David Cameron no momento da súa retirada, e o que Séneca lle explicaba a Nerón cando lle dicía "xamais se descubriría nada se nos consideráramos satisfeitos coas cousas descubertas".

Compartir el artículo

stats