A torpeza dos nosos dirixentes municipais (todos e todas), a súa insensibilidade, a súa desmemoria, a falta de viguismo, a improvisación, a frivolidade, e pode que os intereses persoais, conseguiron que a Asociación Alecrín tivese que pechar as portas á esperanza de tantas mulleres malladas, oprimidas e desprotexidas e que toda unha institución viguesa, a Escola de Artes e Oficios, asentada desde hai décadas nun fermoso edificio, legado para ese exclusivo mester, teña que desprazarse a outro lugar que nin será céntrico, nin terá o engado e a nobreza do actual e, ademais, suporá un grave transtorno para alumnos/as e o profesorado.

Polo que atinxe a Alecrín, direi que o seu traballo meritorio, cotián, desinteresado e vocacional, inspirado con forza e dedicación exemplar por Ana Míguez a prol da dignificación da muller nesta sociedade hipócrita e machista, non merece un final tan atroz e tan ingrato: a falla de apoio económico, unha eiva máis que tiveron que aturar, é quizais menor ca a falla de apoio social, mediático –como se di agora– e, sobre todo, a falla de comprensión e sensibilidade, porque, ao cabo, só se trata, deses tan cacarexados problemas das mulleres e non dos problemas do Real Clube Celta para o que sempre haberá cartos para que non se vaia ao garete. Iso si que doe. Esa absurdidade de meter pelotas no fondo dunha rede si que doe á cidadanía e non as tragedias humanas. Dá ganas de vomitar.

Esta corporación municipal é nefasta, así de claro, e sen excepcións. Os que no nome de non sei qué esquerdas tentan desprazar á Escola de Artes e Oficios da súa ubicación non teñen nin idea do que fan. Eu fun alumno do mestre Illescas, un excelente debuxante e restaurador de arte, e do inesquencible Camilo Nogueira, pai, escultor simpático, grandísima persoa, e gran artista, e coma min, milleiros de vigueses formámonos artísticamente, e gozamos, entre esas paredes. Eu son unha mostra ínfima de tantos e tantas cidadás viguesas que tivemos o pracer, e gardamos na memoria, de aprender e asentar técnicas artísticas nesta exemplar Escola, e non debemos consentir que a despracen aos arrabaldes.

Eu, tamén, son un vigués que observei con admiración a entrega das mulleres de Alecrín para solucionar gravísimos problemas e darlles unha airexiña fresca de esperanza ás mulleres maltratadas. Para elas non hai subvencións nin arranxos. Para o Celta, si. No nome de Alecrín, o premio Alacrán para a corporación viguesa. No nome da Escola de Artes e Oficios, o Premio á Ingratitude e á Desmemoria para a corporación viguesa.