Un cofre histórico para Rosalía en Madrid

Xoel López canta hoxe á autora galega e Manuel Rivas recitaralle poemas polo Día Europeo das Linguas nun acto do Instituto Cervantes

Luis García Montero, director do Instituto Cervantes; Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Pedro Sánchez, presidente do Goberno en funcións; e Francina Armengol, presidenta do Congreso.

Luis García Montero, director do Instituto Cervantes; Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Pedro Sánchez, presidente do Goberno en funcións; e Francina Armengol, presidenta do Congreso. / Borja Puig

Redacción

A obra e figura de Rosalía de Castro lembraranse esta semana na capital de España co gallo do Día Europeo das Linguas que se celebra este martes. Nesta xornada, terá lugar un concerto de Xoel López e un recital de Manuel Rivas no acto “A palabra na música” na sede do Instituto Cervantes, onde este luns se conmemorou a efeméride coa apertura da Caixa das Letras de Rosalía de Castro.

Esta última foi depositada pola presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, na cápsula do tempo que mantén o Cervantes na capital. O fin era homenaxear á nosa galega máis universal, a matriarca das Letras Galegas.

O cofre que o Consello cedeu ten no seu interior un exemplar de 'Cantares gallegos' editado por Galaxia no centenario e un facsímile facilitado pola Real Academia Galega da primeira edición de 'Follas novas'. Tamén recolle un exemplar de 'O herbario de Rosalía', unha colección de láminas do mesmo (da Fundación Rosalía); e material audiovisual con recitado de poemas onde aparecen as plantas.

Outros obxectos incluídos son un vinilo de Amancio Prada de 1975, 'Rosalía de Castro-Amancio Prada', cunha dedicatoria do autor, que tamén cedeu un estoxo cos seis poemas galegos de Lorca convertidos en cancións.

Completan o legado unha chapa coa rosa de cen follas; unha camiseta coa imaxe de Rosalía deseñada por Pablo Rodríguez e Xosé Miranda (a icónica camisola de Rei Zentolo) con aires warholianos; un moníptico da Asociación Astronómica Ío para localizar a estrela Rosalíadecastro e do seu exoplaneta Riosar; un libro de ensaios de 1952 de intelectuais galegos e portugueses; un libro disco coas voces de nove poetas galegas dialogando con Rosalía e a conferencia de Luis García Montero polo 150 aniversario de “Cantares gallegos”.

Rosario Álvarez indicou que entregou o legado rosaliano “en nome de todo o noso sistema cultural e, en definitiva, do pobo galego” que oscila “entre a propia voz da poeta e a vixencia do seu legado inmorredoiro”.

A presidenta do Consello da Cultura Galega –que realizou o seu discurso en galego no Cervantes– destacou o contexto social e político que vivimos como “avance histórico cara á igualdade efectiva de dereitos lingüísticos e culturais”.

Álvarez tamén incluíu na súa intervención a Lorca, ao que se referiu como “o poeta en lingua castelá máis difundido e traducido”.

O acto estivo presidido polo presidente do Goberno español en funcións, Pedro Sánchez. Asistiron tamén o director do Instituto Cervantes, Luis García Montero; a presidenta do Congreso, Francina Armengol, ou a ministra de Educación en funcións, Pilar Alegría, entre outros.