Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

No adeus de J.L. Cuerda

"Humor novo" e gran pantalla

Fotograma de Amanece, que no es poco (1989).

Tiempo después (2018) resultou a derradeira longametraxe de José Luis Cuerda. Por conxuntura da produción e por proposta formal e semántica, nesta obra conclusiva latexa a pretensión do cineasta albaceteño de retornar ao paraíso do humor libertino e deformante que acadou décadas atrás con Total (película para TVE), Amanece que no es poco, La marrana e Así en el cielo como en la tierra. Este corpo fílmico acouta un territorio propio absolutamente persoal, herdeiro do humor vangardista que se aglutinou, nos anos 20 do pasado século, arredor do coñecido como "Humor novo", denominación bautizada pola revista madrileña Gutiérrez e que logo tamén se cualificaría de "absurdo", "disparatado", "abstracto", "codornicesco". Desde Ramón Gómez de la Serna coas súas greguerías, pasando polo teatro cómico costumista de Carlos Arniches, os diálogos acelerados dos irmáns Quintero, o astracán de Muñoz Seca, ata chegar ao humor retranqueiro dos autores galegos Julio Camba e Wenceslao Fernández Flórez, o "Humor novo" foi configurando unha mirada paródica-reflexiva que na gran pantalla chegaría a plasmarse a partir dos cineastas da coñecida como "A outra xeración do 27", composta por Edgar Neville, José López Rubio, Enrique Jardiel Poncela, Antonio de Lara "Tono" ou Miguel Mihura.

Como ben describiu Ortega y Gasset no seu estudo sobre os movementos vangardistas do século XX, La deshumanización del arte (1925), a nova arte pretendía crear puerilidade nun mundo vello. Moitas veces emparellouse este humor deformante coas películas de Luis García Berlanga e Rafael Azcona, aínda que no caso de Cuerda a parte realista queda totalmente descartada. Non así acontece en títulos onde a hiperbólica humorada semella máis atenuada, como é o caso doutro dos filmes máis recoñecidos da súa filmografía: O bosque animado, a partir da obra homónima de Wenceslao Fernández Flórez e con guión do mencionado Azcona. Aínda que a inverosimilitude está tamén presente nalgunha das microhistorias que suceden na fraga de Cecebre -sobre todo a que protagoniza a alma en pena Fiz Cotovelo-, o realismo aporta ese trazo de crítica e inconformismo da que, por outra parte, tamén fixo gala o director. Con O bosque animado Cuerda iniciou o seu idilio coa terra galega e que, anos despois, volvería proporcionarlle un novo recoñecemento internacional con outra adaptación literaria, desta vez, grazas ao Premio Nacional de Narrativa A lingua das bolboretas de Manuel Rivas, tamén adaptada polo guionista rioxano Rafael Azcona. O espello curvo no que reflectía as historias anteriores para deformar a personaxes que representaban as forzas vivas da nosa sociedade, vaise aplanando e, máis importante, orientándose cara o propio espectador, para que nós mesmos poidamos observarnos e avaliarnos. A secuencia final da longametraxe na que o mestre interpretado por Fernando Fernán-Gómez camiña cara o camión que o conducirá ata a súa execución, entre insultos e desprezos, acentúa o noso desacougo non só por sermos testemuñas dunha inxustiza senón, e sobre todo, por insinuar que nós, nesas mesmas circunstancias, acabariamos actuando do mesmo modo.

Rafael Azcona firmaría a terceira colaboración con José Luis Cuerda cunha nova adaptación dunha historia ambientada en Galicia: Los girasoles ciegos. Unha vez máis, como xa acontecera con O bosque animado e A lingua das bolboretas, o célebre guionista era capaz de unificar varias historias independentes do escritor Alberto Méndez nun só relato.

Con Todo é silencio -outra novela de Manuel Rivas- Cuerda achégase a unha historia moi afastada de si mesmo e os resultados non foron satisfactorios, de aí que, no último suspiro, preténdese, con Tiempo después, adaptarse a si mesmo para recuperar o mellor Cuerda.

Kirk, Espartaco

  • Entre os abundantes epitafios que encheron as páxinas dos xornais en resposta ao falecemento de Kirk Douglas (1916-1920), abundaron aqueles que facían referencia á súa pertenza ao antigo Hollywood. Resulta lóxico que, cronoloxicamente, un actor que debutou no cine na década dourada, os anos 40, sexa identificado con ese período. Porén, a etiqueta responde, sobre todo, á presenza deste fillo de campesiños xudeus nalgúns dos títulos máis emblemáticos daqueles xéneros cinematográficos que tanta gloria depararon á industria e que, practicamente, na actualidade se atopan en extinción.Douglas iniciouse no cine negro con títulos como T he Strange Love of Martha Ivers (Lewis Mileston, 1946) Retorno ao pasado ( Out of the Past, Jacques Tourneur, 1947) ou I walk alone (en España estreouse co título Al volver a la vida, Byron Haskin, 1948). Protagonizou tamén varios dos westerns máis recoñecidos: Rio de sangue (Howard Hawks, 1952), Man Without a Star (en español, La pradera sin ley, King Vidor, 1955) ou Gunfight at the O.K. Corral (en español, Duelo de titanes, John Sturges, 1957). E participou tamén en varias longametraxes de aventuras: Vinte mil leguas de viaxe submarina (1954), The Vikings (1958), ambas dirixidas por Richard Fleischer, e históricas, na monumental Spartacus (Stanley Kubrick, 1960). Filmes que rememoran o mellor de un Hollywood que, probablemente avergoñado, lle concedeu un Oscar honorífico en 1996.

Compartir el artículo

stats