Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

XOGUETES

Imaxinación e virtude

Horst Brandstätter e os Playmobil, son corenta anos de fabricación e millóns de pezas vendidas

A comezos do pasado xuño a fábrica de xoguetes alemá Geobra Brandsträtter daba a coñecer, nun breve comunicado, a morte do seu propietario. Ese apelido e a razón comercial homónima non dirían nada aos máis dos mortais, pero se escribimos o seu produto estrela, os monecos Playmobil, calquera engadiría o de "clicks".

Corenta anos de fabricación e millóns de pezas vendidas fan evidente que estes monecos transcenderon -e seguen a transcender- cambios xeracionais e a aparición da electrónica aplicada ao mundo do lecer infantil. Hoxe, estas figuriñas homoxéneas, de 7,5 centímetros e sete partes articulables, seguen a permitir construír mil e unha historias: desde granxas á Idade Media; desde piratas a educar no respecto ao comportamento viario.

Estes monecos foron froito da primeira crise do petróleo e naceron en aplicación daquela sentenza que sostén que cómpre facer virtude da necesidade. Herdeiro dunha fábrica familiar centenaria, Brandstätter foi consciente ben axiña de que o metal estaba chamado a desaparecer no mundo dos xoguetes e apostou ben axiña polo plástico.

Pero en 1973 a suba do petróleo repercutiu neste derivado. Ante a perspectiva da ruína da fábrica, encargou ao seu deseñador, Hans Beck, un xoguete que empregase a menor cantidade posible de material plástico. Beck propuxo uns vehículos de dimensións máis reducidas, aos que acompañarían unha figuras.

O resultado foron tres prototipos de monecos: un cabaleiro medieval, un indio e un obreiro. Dalgún xeito, eran os perpiaños de tres ámbitos: as aventuras, a historia e a realidade cotiá, capaces de xerar historias sen fin nos nenos. Unha vez deseñada unha liña de produción, os complementos era o máis doado. Tal vez para os adultos esas figuriñas non digan moito, como sucede con outros xoguetes, moitas veces de colección (trens, coches de carreiras, monecas, casiñas). Agás que saibamos recuperar o neno que levamos dentro cos nosos fillos, sobriños ou netos e sexamos capaces, con eles e como eles, de inventar situacións e historias.

Non imos entrar na dimensión empresarial de Brandstätter, pero abonde con dicir que desde aquela todo lle foron éxitos e que chegou a dar traballo a 4.200 persoas. E o seu propietario definiu que o segredo de tal éxito estivo en deixar espazo á imaxinación dos clientes, os nenos, que é infinita. E inesgotable, cabería dicir, xeración tras xeración. A iso conviría engadir que, sendo como é un produto de alto valor engadido, os propietarios nunca pensaron en deslocalizar a fabricación. Coma moito, concederon franquicias en diversos países, entre eles España e Portugal, onde foron comercializados como Famobil pola coñecida empresa valenciana Famosa. Evidentemente, houbo imitacións e copias, sempre de menor calidade e prestacións, como as húngaras de Schenk -prohibidas desde 1995, tras a caída do sistema socialista en Hungría- ou algunhas chinesas.

Pero aínda hai máis segredos para explicar o seu éxito. Canto ao deseño, Beck observou como debuxaban os nenos e así simplificou as liñas con simples toques de tinta para debuxar as faccións. E engadiu outra circunstancia: o seu tamaño permite que os nenos leven unha figuriña -como se se tratase dunha mascota ou dun amuleto- en cadanseu peto. Canto á funcionalidade, os monecos conservan moi ben o equilibrio e as súas maniñas, en forma de U, resultan pinzas infalibles para soster todo tipo de ferramentas, desde unha lanza a instrumentos médicos.

Con todo, Horst Brandsträtter quixo que as figuriñas tivesen longa vida, á marxe dos intereses comerciais e financeiros, e deixou establecido que á súa morte, unha fundación benéfica pasaría a xestionar o capital e o control da empresa.

Mil e unha figuras

  • De cara á diversificación dos seus produtos, Geobra Brandstätter ampliou liñas para os máis pequenos, con figuriñas non desmontables e evitando pezas pequenas e angulosas que podían resultar perigosas. Tamén fixo monecos de nenos e adultos de máis idade e feminizou as de mulleres dando volume aos peitos e ampliando a minisaia á saia longa. Sen esquecer, naturalmente, os complementos. E, naturalmente, coa chegada da tecnoloxía electrónica, licenciou videoxogos baseados nos seus produtos.Mostra da filosofía do seu fabricante é que, nos primeiros anos, as figuriñas non levaban armas. Ao longo de corenta anos foron moitas as posibilidades de formar conxuntos e dioramas, desde recreacións históricas a ambientes como poboados do Oeste, os clásicos piratas, portos e bombeiros ou incluso manifestacións independentistas ou nacementos de Nadal. Unha maneira máis de aprender historia. Hai empresas que ilustran dioramas publicitarios con estes monecos.En España hai dúas asociacións de afeccionados aos monecos de Playmobil, Aescliks e Somoscliks. A primeira coorganizou a exposición celebrada en 2010 en Barbastro que acadou o récord Guinness con 68.808 figuriñas. A segunda, con moita presenza en Cataluña, organiza diversas feiras, entre elas Clickania, na localidade de Montblanc, que xa leva sete edicións

Compartir el artículo

stats