O poemario que fai poesía da metáfora do eucalipto

Aseméllase o humano a esta árbore? Ángel Suanzes explórao no seu novo libro, que presentou onte en Vigo

Ángel Suanzes, onte en Vigo con Montse Montaos.

Ángel Suanzes, onte en Vigo con Montse Montaos. / Alba Villar

Mar Mato

Mar Mato

A voz de Ángel Suanzes, xornalista da Radio Galega, pousou o micro da emisora pública e as súas novas polos poemas de seu na libraría Versus de Vigo. Onte, presentou alí o seu último poemario, “Os eucaliptos levan o lume dentro” (Néspera editora) acompañado pola xornalista Montse Montaos.

Nun país que quedou marabillado coas imaxes de Mauro Herce co estertor dun eucalipto fronte á escavadora no filme “O que arde” ; nunha sociedade na que produtores e firmas fan cartos coa pasta de celulosa do xigante de orixe australiano e outra parte abomina este supervexetal faise estrano que o eucalipto encabece o título dunha obra literaria.

Suanzes explica que inda que escribe de xeito “aleatorio” achou un eixo ao chegar “á metáfora do eucalipto. Se pensamos que árbore prefeririamos ser, gustaríanos ser castiñeiros, nespereiras, limoeiros... calquera fermosa con froitos. Porén, moitas veces un comproba que non deixa de ser un eucalipto, unha árbore que medra para riba sen control na espera de que chegue alguén que a tale”.

Para o autor, a nosa ligazón aos eucaliptos chega pola produción: “Somos ‘vítimas’ do capitalismo fixándonos en producir, producir e producir”. Pero tamén nos une a eles o estigma. No caso destas árbores, “están consideradas malas porque arden con facilidade. Nós tamén levamos ese lume dentro, ese rancor, esa enerxía que moitas veces convertemos nalgo negativo por tirar para riba. Pero este libro é para pararse a observar a natureza e a pensar ata que punto pagan a pena determinados esforzos concentrados en simplemente tirar para adiante para seguir facturando ou para continuar unha relación que cres marabillosa ou igual non o é”.

Contra o heteropatriarcado

Recoñece o autor que a súa poesía é de amor e desamor. “Isto trata moito da vulnerabilidade. Os homes debemos sentirnos vulnerables e mostralo cara afóra. O heteropatriarcado tíñanos cercenada esa posibilidade”, reflexiona.

Respecto das feblezas das que fala no poemario, indica Suanzes que “antes de superalas primeiro hai que ser conscientes delas e das dificultades para sobrepasalas. Ese paso é moi importante”. O xornalista leva a opinión á súa vida, a cando mudou o seu posto de xornalista na TVG especializado en cinema nos últimos 17 anos para chimpar á Radio Galega a outro escenario.

A dor de errar

“A metáfora do eucalipto sérveme para sacar as capas. Esa imaxe está no libro. Hai que saber que facer con esas capas. Moitos homes comprobamos que a situación nos pide facer algo pero non sabemos como facelo por falta de exemplos ou por non sabelos mirar”, expón.

Ante a cuestión de se se trata dunha derreota existencial, o autor responde que “podemos errar. Estamos nunha sociedade na que parece que non nos podemos equivocar pero desde logo o camiño está cheo de pedras. Errar doe pero forma parte da vida”. Suanzes remata destacando o traballo fotográfico na obra do vigués Breixo Parcero cunhas imaxes sobre eucaliptos e monte que dialogan cos poemas dun xeito mesmo místico natural.

Suscríbete para seguir leyendo