Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ángel suanzes | Xornalista e poeta que presenta libro en Vigo

"Vémo-los datos reveladores pero, nos sentimentos, está a base do que somos"

"A poesía é a máxima expresión da escrita", defende o autor

Ángel Suanzes. // Xacio Baños

"Como ninguén veu á súa hora/ brindamos polo aínda. 'No escaparate da supervivencia/ hai un vestido cinguido para ti'". Os versos pertencen a "Brinde", un dos poemas de "E se a memoria está na boca" (Editora Urutau). O libro acolle versos do xornalista de "ZigZag diario" Ángel Suanzes e fotos da viguesa Clara Honorato. Ambos presentan a xoia hoxe na libraría Cartabón na urbe olívica ás oito da tarde.

-Que lle motivou a mergullarse na escrita poética?

-Eu coido que cando contamos algo é porque precisamos amosalo ós demais; coido que foi unha investigación a través da subxectividade dalguén, eu, que traballo supostamente dende a obxectividade. Trátase de expresarse un e non expresa-lo de outros. Trátase de non se-la canle senón se-la propia fonte.

- Principalmente, que ansiaba comunicar?

-O poemario é un poemario de desamor, este é o xerme de todo. Intento localizar cales son as respostas, as necesidades, cando xorde unha situación así. Hai unha falta de educación para saber desenvolvernos neses procesos por máis que os vivamos unha, dúas ou un cento de veces.

- Foi difícil supera-lo pudor de amosar ese universo íntimo?

-Si, por iso, hai unha conversión en ficción do proceso real; por pudor por un mesmo e polos demais. Hai que ser respetuoso; non deixa de ser unha ollada miña fronte a múltiples olladas da xente que pasou por iso. Hai un pudor que necesito vencer e que forma parte do traballo. Este foi un poemario agochado; estivo un ano esquecido. Non sei ata que punto é poesía, polo que hai que ser cautos porque a poesía é a máxima expresión da escrita. Dicir que é un poemario é presuntuoso e iso forma parte do pudor.

- Pero si que é poesía.

-Eu son moi cauto, no me gusta vender motos. Eu sitúome na humildade. O que pretende este material é crear un diálogo coa xente. O problema é que non falamos de sentimentos; por iso, a poesía está tan agochada, coido é mais importante falar de poesía e dos sentimentos e non tanto dos datos. Pensamos que os datos son reveladores e que os sentimentos son caprichos de cada un; cando, nos sentimentos,está a base do que somos.

- Cada poema ten como dúas partes. Un poema en si e outro en forma de resposta.

-O primeiro é un poema máis clásico, por chamalo dun xeito, pero na contestación podes ver que é un diálogo interno, ou con outra persoa, ou como narrador omnisciente. É onde un se pode sentir descabalgado ou xusto o contrario. A segunda parte é menos metafórica, é como un mazazo na mesa para pechar o poema. Aí está a chave das fotos de Clara Honorato.

- Por que elixiu a obra de Clara?

-Eu coñecín a súa obra polo Instagram. Vin que había algo similar ós meus sentimentos pero en foto e dun xeito máis profesional, máis positivo, bonito... Ofrecinlle a posibilidade de le-lo texto e traballalo creando as súas propias imaxes. As súas fotos teñen forza por si mesmas e dialogan cos poemas.

Compartir el artículo

stats