O Museo do Mar de Vigo e o Massó xa teñen a súa versión en realidade virtual

O visitante poderá “tocar” pezas como o esqueleto dun cachalote ou unha ánfora na mostra “Galiverso dos Museos” no Gaiás

Visitante, probando as gafas de realidade virtual na mostra do Galiverso.

Visitante, probando as gafas de realidade virtual na mostra do Galiverso. / ROCÍO CIBES

Mar Mato

Mar Mato

O astrolabio foi un instrumento astronómico que na antiguedade axudou a navegar océanos ao permitir coñecer a a altura na que se atopaban as estrelas e a súa posición. O instrumento máis antigo desta índole no país de noso e o mellor conservado de España atópase no Museo do Mar de Galicia en Vigo. É de bronce e cren que foi realizado no século XVI ou XVII. Dende onte, poderá ser visitado nunha versión en realidade virtual na Cidade da Cultura na exposición “Galiverso dos Museos”, presentada onte polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.

Esta é unha das 27 obras de arte, restos e obxectos únicos que recolle a mostra e na que a persoa visitante pode coñecer unha selección de pezas dos once centros que compoñen a Rede de Museos de Galicia.

O visitante –a idade mínima é de oito anos– entra nun museo dixital no denominado Galiverso no que cada sala ofrece unha visita a cada un dos 11 museos.

No espazo do Museo do Mar de Galicia de Vigo, poden ver o astrolabio antes citado –achado en Viveiro– pero tamén unha ánfora romana, que se empregaba para transportar mercadorías nos barcos.

“Pódense coller esas pezas na man –tocar a súa versión dixital en 3D– cando se entra na sala. Non están as pezas de cada museo, só unhas poucas para abrir boca”, explica Fátima María García Doval, xefa do Servicio de Coordinación Estratéxica e Innovación da Consellería de Cultura.

Un deses anzois para espertar a curiosidade é un grande esqueleto de cachalote, que tamén forma parte do Museo do Mar de Galicia. Este corpo de ósos pertencía a un animal de máis de dez metros de lonxitude e de 20 toneladas de peso. Na explicación, recalcan que a cabeza, por exemplo, supón un tercio da lonxitude total.

Ao “tocar” unha vertebra torácica, o visitante pode obter máis informació: unha vértebra real pesa entre seis e doce quilos e mide como seis cartóns de leite seguidos. O tamaño que se amosa recreado no Galiverso é a metade da orixinal.

Na sala do Museo Masso de Bueu, o Galiverso mostra un escafandro fabricado en Londres e que se atopa en perfecto estado. Este era usado para o mantemento de barcos baixo a auga. Era empregado nos portos de A Coruña ou Ferrol nos anos 60 do século pasado. Tamén se pode ver do Museo Massó un temón dun baleeiro.

Outra peza especial é o cadro “Marina surrealista”, de Urbano Lugrís, do Museo de Belas Artes de A Coruña

As exposicións do Galiverso comezaron hai case ano e medio. Nese periodo, visitáronas 18.000 persoas o que a organización ve como un éxito xa que, como máximo, só poden entrar de seis en seis persoas e ficar media hora.

Nesta nova entrega, ademais do Museo do Mar de Galicia, tamén se poderán ver e tocar no mundo dixital obxectos do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, Etnolóxico de Ribadavia, Museo do Viño de Galicia, Conxunto etnográfico do Cebreiro, Centro Galego de Arte Contemporánea, Pedagóxico de Galicia, Belas tes da Coruña.