A Grand Place e Europa entréganse á foliada no EmigraSON

O festival pecha a súa segunda edición en Bruselas con medio milleiro de participantes e un éxito organizativo

The Rapants, Lontreira, Ataque Escampe ou Grande Amore destacaron nun cartel onde tamén houbo poesía e visitas ao Parlamento

The Rapants durante su concierto del festival Emigrason en Bruselas este fin de semana

The Rapants durante su concierto del festival Emigrason en Bruselas este fin de semana / Pablo Vázquez Varela

Víctor P. Currás

Víctor P. Currás

A historia demográfica, económica e cultural de Galicia tende a repetirse coma un retrouso; máis que como unha traxedia ou farsa. Deste xeito, un fío conecta á "célula de universalidade" coa que as Irmandades da Fala imaxinaban o futuro do país coa ampla comunidade galega presente en Bruselas dende hai máis de medio século.

O festival EmigraSON celebrou na pasada fin de semana a súa segunda edición cun rotundo éxito organizativo: esgotando as entradas en dez minutos, medio milleiro de participantes chegados dende 15 nacións de toda Europa e un sabor inmellorable nos grupos participantes.

O nacemento do mesmo por parte de varios mozos que traballan na capital belga pretendía conectar as dúas realidades que viven, gozando da música en galego a 1.300 kilómetros do país e explicando as institucións e dinámicas da Unión Europea nas que traballan. Deste xeito, a proposta musical con The Rapants, Ataque Escampe, Lontreira, Grande Amore e Catuxa Salom completouse co recital poético de Aldaolado e unha visita guiada ao Parlamento Europeo.

Os eurodeputados galegos Ana Miranda e Nicolás González fixeron de anfitrións na xornada matinal do venres na sede belga do hemiciclo, onde relataron como funcionan as distintas comisións do mesmo, as diferenzas dos partidos e da actividade lexislativa en comparación con Galicia e España e cómo afectan as resolucións aprobadas ao noso día a día. Unha visita guiada cun funcionario da UE e a visita ao museo interactivo Parlamentarium completaron unha xornada de "concienciación", especialmente de cara ás eleccións comunitarias do vindeiro 9 de xuño.

Delegación do EmigraSON durante a visita ao Parlamento Europeo cos deputados galegos Ana Miranda e Nicolás González.

Delegación do EmigraSON durante a visita ao Parlamento Europeo cos deputados galegos Ana Miranda e Nicolás González. / Pablo Vázquez Varela

Pola tarde a expedición de case medio centenar de artistas, creadores de contido e técnicos continuarían a axenda no Instituto Cervantes co recital de Aldaolado, a parella de consagradas poetisas formada por Lucía Aldao e María Lado. O dúo lírico-musical con case dúas décadas de experiencia aproveitou para recordar como a emigración galega creou a orquestra "Los Satélites de Bruselas" a mediados do século pasado en homenaxe á formación coruñesa.

Do folk a Dragon Ball

A primeira xornada completouse cunha gran foliada de varias horas a cargo de Alumea; agrupación folclórica conformada por galegos de terceira xeración nesta cidade. No Centro García Lorca a festa chegou ata ben entrada a madrugada, mesturando os clásicos das verbenas coa nova escena musical galega. Deste xeito, a Oliveira dos Cen Anos de C.Tangana e o Vivir na Coruña que bonito é de Ana Kiro compartiron coros co Miudiño ou Novedades Carminha.

Un dos momentos máis emocionantes para os millennials presentes foi cando soou o opening de Dragon Ball Z en homenaxe a Akira Toriyama; falecido poucas horas antes e creador dun anime que é por méritos propios banda sonora dunha xeración de rapaces nados a 10.500 kilómetros do Xapón.

Pero o prato forte chegaría na tarde do sábado 9 cos concertos en La Tricoterie, onde malia duplicar o aforo da primeira edición ata os 500 espectadores volveu a ser moi inferior á demanda. A sala está situada no distrito de Saint Gilles, un deses barrios obreiros nos que nos anos 60 os expatriados foron formando amplas redes nas que máis que os individuos, emigraban as comunidades. Actualmente a colonia galega é dunhas 1.200 persoas debido á súa enorme presenza en organismos comunitarios.

Un instante da foliada de Alumea no Centro García Lorca durante o EmigraSON de Bruselas

Un instante da foliada de Alumea no Centro García Lorca durante o EmigraSON de Bruselas / Pablo Vázquez Varela

Ata alí chegaron mozos galegos dende Escocia, Grecia, Finlandia e outra ducia de nacións do vello continente nunha cita que tamén era "súa". Entre o público, curiosos franceses ou belgas, familias enteiras e outros que aproveitaron a cita como escusa para visitar ás amizades no corazón de Europa. Houbo incluso que ante os prezos dos hoteis ou contar cun sofá, optou por alugar unha furgoneta para durmir e continuar despois de viaxe polo Benelux.

Miguel Mosquera e Samuel Solleiro de Ataque Escampe, durante "Segunda División" no EmigraSON de Bruselas

Miguel Mosquera e Samuel Solleiro de Ataque Escampe, durante "Segunda División" no EmigraSON de Bruselas / Pablo Vázquez Varela

A mestura galaico-arxentina de Catuxa Salom foi a encargada de levantar o pano para amosar a versatilidade da escena musical galega actual. Os Ataque Escampe, decanos dos participantes; fixeron vibrar á sala coa participación tamén dos Familia Caamagno e repasando outros éxitos como "Segunda División" ou "Festa Malandrómica".

O trío arousán de Lontreira foi o artífice dos primeiros pogos da noite ata converter a sala nun "Campo da festa" grazas á mestura de poesía, ritmos moi bailables e unha posta en escena pensada para o formato festivaleiro.

O trío Lontreira durante o seu concerto no EmigraSON de Bruselas

O trío Lontreira durante o seu concerto no EmigraSON de Bruselas / Pablo Vázquez Varela

Ao ser a única formación que recuncaba, The Rapants superou as expectativas e demostrou por que son un dos nomes máis emerxentes da música do país. O cuarteto de Muros -cunha gran presenza de veciños da vila no público- a medio camiño entre os Beatles, os ritmos caribeños e o rock-indie rendeu homenaxe ao festival interpretando o seu último tema, Rue Franklin. "O ano pasado marchamos os catro namorados daquí, pero un máis que os outros" explicaban ante a canción que leva o nome da rúa onde está o cuartel xeral da organización, o Bar Kamea.

A electrónica e costumismo contemporáneo de Grande Amore serviría como broche ante un público que levou polo aire (literalmente) aos artistas e espectadores durante varias horas. Pasadas as dez da noite, o himno galego pechaba a festa neste local belga nunha imaxe que xa forma parte da historia musical galega.

Autoxestionado entre amigos

"Temos o corazón cheo e desbordante de ilusión polo éxito da edición, estamos moi contentos polo resultado, e porque quedara todo o mundo contento, dende músicos ata público" recoñecen dende a organización formada polos vigueses Karan Novo, Gara LópezÁngel Estévez.

Ao grupo de amigos onde tamén figuran os pontevedreses María Dios e Mateo González, a baionesa Claudia Pablos e a estradense Cristina Amosa uníronse ducias de mans voluntarias -dende Galicia a Andalucía- para sacar adiante unha cita que este ano contou co patrocinio de marcas galegas como Deleite ou Reizentolo; así como da Xunta de Galicia; a Fundación Galicia en Europa e os grupos parlamentarios do PSOE (S&D) e o BNG (Os Verdes/ACE).

"É de agradecer que existan e apoien estas iniciativas, para o ano temos o obxectivo de que sexan máis" engadían ao mesmo tempo que sinalaban que sentarían "nun par de semanas a valorar o potencial da terceira edición".