O ano Luísa Villalta estréase na escena cunha homenaxe con Nuria Vil, Mónica de Nut e Vero Rilo en Arcade

O seu espectáculo é un dos primeiros en lembrar á autora polas Letras Galegas | Hoxe, inician a xira galega que as levará a Compostela ou Sada

Rilo, Vil e De Nut soben á escena hoxe en Arcade.   | // YOLANDA ATARAXIA

Rilo, Vil e De Nut soben á escena hoxe en Arcade. | // YOLANDA ATARAXIA / Yoland Ataraxia

Mar Mato

Mar Mato

“Indóciles” é o nome escollido polas creadoras Mónica de Nut, Vero Rilo e Nuria Vil para un espectáculo multidisciplinar que se prestrea hoxe, a partir das sete da tarde, no Multiusos de Arcade, con entrada de balde. É unha das primeiras homenaxes escénicas que se realizan na lembranza de Luísa Villalta, homenaxeada polo Día das Letras Galegas.

“É unha peza sensorial á que aportamos cada unha coa nosa linguaxe propia e na que trasladamos o que hai, para nós, na obra de Villalta. É unha obra bastante sensorial. Non é unha narración tradicional liñal con inicio, nó e desenlace, senón que o público debe deixarse levar. Mesturamos a narración de Rilo, coa música de De Nut e a palabra falada nunha linguaxe poética que aporto eu, fiado todo coa voz de Mónica”, explica a viguesa Nuria Vil.

Respecto da música, Mónica de Nut detalla que “unha parte, bases electrónicas, está pregravada. Isto vouno lanzando en directo e interacciono con elas coa voz e con instrumentos de percusión. As obras de Villalta están a cabalo do culto ao académico e a rúa, a indocilidade e o berro”.

Na parte poética, Vil elaborou, segundo ela mesma describe, “un diálogo imaxinario con Luisa, marcado polo social para cuestionar qué pode ser ou non poesía, que peso teñen os libros, que peso ten a poesía oral”.

Rilo, De Nut e Nuria Vil.

Rilo, De Nut e Nuria Vil. / Sonsoles M.

As tres autoras vanse alternando no foco pero “a música ten a capacidade de facer un espazo para que os outros elementos convivan”, sinala De Nut, o que enlaza coa obra multidisciplinar de Villalta que se dedicou á música clásica, á poesía, novela, teatro e ensaio. “Entender a Luisa dende unha única disciplina non é posible”, subliña Vero Rilo.

Inda que leron toda a obra de Villalta para preparar este espectáculo, na obra escénica fíxanse ao fin en “Papagaio”, “As certezas de Ofelia”, “O paseo das esfinxes”, “As chaves do tempo”, e a obra poética en “Pensar é escuro”.

“Esta homenaxe vai vir ben para que se divulgue a súa obra”, destacan as tres creadoras que a estrean mañá na praza de Mazarelos en Santiago para despois seguir por Sada e a Cidade da Cultura.