“Luísa é unha gran poeta do noso tempo pero tamén era unha todoterreo; escribiu de todo e todo ben inda que o máis fulgorante foi a súa poesía”, destacou onte Armando Requeixo, quen se encargou da edición de “Pensar é escuro”, a poesía reunida da autora que deixou preparada entre os anos 1991 e 2004. O investigador e escritor, porén, confía en que o público vaia descubrindo outras facetas da creadora á que se lle dedicará o Día das Letras Galegas o vindeiro ano. Entre estas, sinalou a súa narrativa, relatos, ensaios, traducións e obras de teatro.
Requeixo resaltou no Club FARO a “ética e compromiso” da autora galega ao sinalar que era unha escritora “incarnada ata o sangue, ata a medula, na súa xente e na súa terra sempre da banda dos máis desfavorecidos”.
Vese especialmente no seu poemario “Papagaio” preparado para certificar como mudou de usos o barrio homónimo de A Coruña no que se practicaba a prostitución e que foi derruído para construír bloques de edificios para uso residencial.
Requeixo e o editor de Galaxia, Francisco Castro –tamén participaron no Club FARO de onte a poeta Oriana Méndez e maila irmá de Luisa Villalta, Susana Villalta– aproveitaron para adiantar que “Papagaio” será reeditado en poucos meses na antolóxica “Sol inverso”.
Nese volume respetan o desexo de Luísa en vida de publicar varias obras nunha macroantoloxía con poemas inéditos, “Papagaio”, “As palabras ingrávidas” e outra poesía do seu legado. “É un proxecto que ela mesmo titulou e que deixou preparado en vida”, aclarou Requeixo.
Ademais, dende a editorial, confían en outubro en publicar unha biografía de Villalta, así como un dobre volume de narrativa que reúna os tres libros que publicara antes de finar así como a inédita.
Tamén terá o público outro volume de teatro coas pezas que xa viran a luz máis outra inédita; e “Compendio músiques” con 150 aforismos sobre a cuestión da escrita, cultura, cosmovisión e política.
Unha arela é o libro “Cunqueiriana” no que se incluirá a versión do “Don Hamlet” de Cunqueiro e outros textos que en conferencias e artigos preparou Villalta. “Cunqueiro foi o seu autor de cabeceira”, engadu Requeixo.
Cara o final do 2024, afrontarán o traballo “oceánico” de Luisa Villalta nos ensaios. “Aí estarán parte das súas grandes páxinas” sobre historia, socioloxía, pensamentos e outros temas xa que “era unha das grandes intelectuais das décadas pasadas”, resaltou o estudoso.
Este aclarou que parte destas compilacións serán froito do traballo dun equipo do Centro Ramón Piñeiro de nome “Grupo Legado Luísa Villalta”.
Engadiu Requeixo que para o ano se editará “Paisaxes de ida volta” coa súa obra de traducións; mentres que Francisco Castro apuntou unha antoloxía escolar; “Pisando estrelas en Compostela” un diálogo poético con fotos de Helena Villar Janeiro; e outro libro de Marcos Calveiro con Luisa como protagonista.
Castro sinalou que co Club FARO de onte quedaba inaugurado o Ano Luísa Villalta destacando desta autora coruñesa o seu “talento” e “obra inmensa” que se atopa en Galaxia pero depositada pola familia no Ramón Piñeiro.
Unha escritora marcada polo vento, a contemporaneidade e o existencialismo nunha “imperecedoira poesía”
Susana Villalta, irmá de Luísa Villalta, destacou no seu nome e no da súa nai, María Gómez, o cariño de Vigo pola poeta, unha cidade na que “tan queridas amizades tiña a miña irmá”, sinalou. Tamén se mostrou moi leda de que “Pensar é escuro” (Galaxia) –antoloxía da súa poesía publicada en vida– vaia xa pola súa segunda edición ao tempo que resaltaba que o devandito libro “é a mellor homenaxe que lle podemos facer”. Pola súa parte, a poeta Oriana Méndez fixouse en como no libro “En concreto”, Premio Espiral Maior de Poesía, canta á súa cidade herculina cun “rastro mitificado da historia” da urbe, chegando a “glorificar” a súa historia ao tempo que inclúe versos “reivindicativos” entre signos de “contemporaneidade”. En conexión coa viguesa Xela Arias, Méndez resaltou como creaba palabras novas. De exemplo, apuntou orzar como verbo derivado de Orzán. Oriana Méndez chamaou a atención que tanto Xela como Luísa Villalta estiveran “ausentes” dalgunhas antoloxías de vello, desterro que calificou como “clamoroso”. Por último, subliñou a importancia do vento na súa obra, ao tempo que resaltaba como empregaba os versos como “ferramenta de indagación” mentres plasmaba neles a angustia vital o o existencialismo.