Entrevista | Martín Romero Director da mellor curta de animación

“O que me interesa é vincular as historias coas experiencias e desexos do ser humano”

“Gañar o Goya é un recoñecemento ao bo traballo que fixo todo o noso equipo”

Martín Romero, durante su intervención en la ceremonia de entrega de los Premios Goya 2024.

Martín Romero, durante su intervención en la ceremonia de entrega de los Premios Goya 2024. / EFE

Adrián G. Seoane

Martín Romero (Boiro, 1981) acaba de coroarse co Goya á mellor curtametraxe de animación coa súa obra To bird or not to bird, un filme que presenta unha visión crítica do capitalismo actual a través das vivencias de varios paxaros. Romero estudou deseño gráfico en Lugo e Londres e ilustración en Barcelona, onde pasou oito anos. Alí deu os seus primeiros pasos no sector, tras o que regresou a Galicia. En 2010 recibiu unha beca para pasar un ano e medio en La Maison des Auteurs, en Angoulême (Francia), onde, en contacto con ilustradores de cómic e animadores, puxo en marcha a súa primeira obra gráfica. Agora, leva doce anos asentado na Coruña. To bird or not to bird é a súa segunda curtametraxe de animación, logo de que dirixira en 2017 La noche, a súa ópera prima.

Que significa para vostede obter este galardón?

A verdade é que estou moi contento. Gañar o Goya é un recoñecemento ao bo traballo que fixo todo o noso equipo. Espero que sirva para que a curta teña máis visibilidade e siga tendo un bo percorrido polos festivais.

Ata o momento, a curta tivo moi boa acollida.

Si, a verdade que estamos satisfeitos coa recepción que está tendo. Estreámola en outubro no festival de Sitges e xa acumulamos bastantes seleccións en festivais e tamén uns cantos premios.

Cre que este premio pode servir para impulsar a súa carreira como director de cine de animación?

Penso que a nivel curricular sempre axuda, pero a nivel práctico non sabería que dicir, porque o que importa moito é o proxecto. Está claro que a traxectoria pode axudar, pero o principal é ter un bo proxecto, porque sen el é difícil conseguir financiamento.

"To bird or not to bird" amosa unha crítica ao capitalismo actual. Por que elixiu esa temática?

Ao comezar o proxecto non empecei con ese tema en mente, senón que xurdiu a raíz de estar ilustrando un libro para nenos protagonizado por paxaros. Ao estar debuxando tantos paxaros empezaron a ocorrérseme moitas ideas con aves, que fun anotando nun caderno. Tempo despois, quizais un ano máis tarde, volvín abrir ese caderno e a revisar todas as ideas e notas que tiña, facendo unha criba das historias que me parecían máis interesantes. Empecei a buscar un punto de conexión entre todas elas e descubrín que as que me parecían máis interesantes trataban sobre o capitalismo.

Os protagonistas da curta son paxaros, mais en última instancia a curta é unha crítica á sociedade humana. Por que elixiu as aves para representala?

Foi un pouco por casualidade, a raíz do libro que estaba ilustrando. Noutros cómics que teño publicados, como Episodios lunares, que é unha antoloxía de pequenas historias breves, usei personaxes de cinema de serie B para falar tamén do paso do tempo e a soidade. Noutro cómic, El manual de las piedras, emprego pedras para intentar darlles certa expresividade, certas sensacións ou emocións do ser humano. O que me interesa é vincular as historias coas experiencias e desexos do ser humano, algo parecido ao que poderían ser as fábulas.

Por que apostou pola animación 2D nun momento no que parece que o audiovisual está dominado polo 3D?

O 2D é o máis parecido que pode haber á ilustración. De onde eu veño debúxase en dúas dimensións, nun papel. Para min era o paso máis lóxico, porque era o que sabía e me gustaba facer. Eu de 3D non teño nin idea, é moito máis técnico e require o coñecemento de programas informáticos. Pero en xeral, gústanme máis as obras feitas en 2D que en 3D.Creo que o 2D pode ser máis expresivo e ademais ten outra calidade artística, a pesar de que no 3D tamén se pode conseguir cousas moi interesantes, dende logo. En calquera caso, penso que hai un repunte da animación 2D, porque moitas das series e películas que se están facendo e que se emiten nas plataformas son neste formato.

Comentaba vostede que, ademais de director de cine de animación, tamén compaxina a súa actividade como ilustrador.

Si, eu empecei facendo cómics. Nestes momentos estou facendo unha serie infantil que se chama Uxío. O cómic levoume á ilustración, e esta ao mundo da animación, no que comecei facendo backgrounds [fondos nos que se desenvolven os personaxes] en películas de animación. Aí foi cando puiden ver por dentro como eran todos os procesos para crear unha obra destas características, e en 2017 decidín facer La noche, a miña primeira curta.

Ten novos proxectos en mente ou en desenvolvemento?

Agora estou traballando nunha produción de Alberto Vázquez, facendo fondos na súa nova película, pero de momento non teño nada meu en marcha. Tamén rematei hai pouco outro cómic de Uxío, así que de momento prefiro tomar un descanso.

Suscríbete para seguir leyendo