Ledicia Costas e Amaro Ferreiro levan a Vigo e Pontevedra o espectáculo “Ultraluz”

Será o martes e mércores desta semana | As localidades para a cita na cidade olívica están esgotadas pero inda hai para a vila do Lérez

Ledicia Costas co equipo de “Ultraluz”.  | // @HEMATOCRITICO-INSTAGRAM L. COSTAS

Ledicia Costas co equipo de “Ultraluz”. | // @HEMATOCRITICO-INSTAGRAM L. COSTAS / m. mato

Mar Mato

Mar Mato

Despois da súa estrea en Compostela, o espectáculo “Ultraluz” a partir do poemario homónimo de Ledicia Costas chega a Vigo e Pontevedra esta semana.

Na verba escrita e declamada, a propia Ledicia Costas; na música, Amaro Ferreiro. Será o martes 19 en Vigo a partir das oito da tarde na sede da Deputación de Pontevedra na rúa Eduardo Chao do Casco Vello; e o mércores na vila do Lérez ás sete da tarde no Auditorio do Museo Provincial.

A obra gañara o XX Premio de Poesía Afundación e na súa primeira edición saiu do prelo en A Arte de Trobar para agora ser republicada por Xerais. Nunha das súas páxinas, recolle: Se me agarras o corazón abro a caixa de música,/ lévote a Ultraluz/ só a ti, soamente a ati/ alí dentro os faunos teñen prohibido murmurar/ [pesadelos/ ponme a man sobre o ventre e agarda un milagre/ unha casa inmóbil é un corazón nunha rateira.

Os billetes para Vigo están esgotados. En Pontevedra, a entrada será libre ata completar o aforo pero para garantir a butaca pódese reserva no mail aikrana.info@gmail.com. No seu Instagram, Ledicia Costas agradeceu a poio en Vigo.

Tamén resaltou que “quizais abrazarse á luz sexa o único xeito de tenderlle unha trampa á escuridade. É por iso que decidimos seguir adiante coas datas do espectáculo Ultraluz que tiñamos previstas para Vigo e Pontevedra neste mes de decembro”, un sinal da súa valentía pero tamén da necesidade de non fallarlle ao seu público a pesar do momento tan complicado para ela, polo dó polo falecemento de El Hematocrítico, a súa parella.

Nun dos momentos do poemario lemos: Soño con cristais rotos e o primeiro que vin hoxe/ [cando espertei/ foi unha luz vacilante que me fixo pensar nun/ [sanatorio/ xa está ben/ apaga esta noite, por favor/ abórtaa.