Co pasamento de 'El Hematocrítico', xorde un movemento para elixir 'riquiño' como Palabra do Ano 2023

A iniciativa parte dun amigo do profesor e escritor, que plasmou a reivindicación na plataforma change.org

A campaña de participación para a elección popular das verbas candidatas ao título da RAG deste ano remata o domingo 10 de decembro

Riquiño é a proposta de Marcus Fernández como Palabra do Ano, en homenaxe a 'El Hematocrítico'.

Riquiño é a proposta de Marcus Fernández como Palabra do Ano, en homenaxe a 'El Hematocrítico'. / M. F.

Marta Clavero

Marta Clavero

O pasado 28 de novembro, a Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié abrían a campaña para a elección popular da ‘Palabra do Ano 2023’, na que se poderá participar até este domingo 10 de decembro. O que se pretende é identificar voces que incidan en cuestións destacadas da conversación pública do último ano, que o sinteticen ou estean relacionadas con algún novo fenómeno ou preocupación.

E nese último punto é no que incide Marcus Fernández, webmaster galego e comunicador de novas tecnoloxías ao que lle deu "unha arroutada ao lembrar a riquiñez de El Hematocrítico, e e ocorréuseme promover riquiño como Palabra do Ano 2023", anunciaba na rede social X, como unha iniciativa-homenaxe ao profesor e escritor coruñés que morreu hai uns días de forma repentina.

O pasado 5 de decembro, o promotor desta acción abriu unha petición na plataforma Change.org co título "Elixir 'Riquiño' como Palabra do Ano 2023" que xa leva 388 sinaturas acumuladas. Unha reivindicación que tamén recibiu o respaldo da moza de Miguel López, a multipremiada escritora viguesa Ledicia Costas: "Que linda esta iniciativa", comentou no retuit da proposta que Fernández compartiu en X (antes Twitter).

Entre os motivos que aduce o comunicador galego para apostar por 'riquiño' é que a palabra "está moi ligada á figura de Miguel López El Hematocrítico, quen durante bastante tempo lucía en Twitter o lema Born To Riquiño, e que incluso titulou a versión en galego dun dos seus meirandes éxitos literarios empregando a devandita palabra (Feliz Feroz. O lobiño riquiño). Non son poucas as veces que cando alguén describe a Hemato en redes sociais ou en medios de comunicación, emprega a palabra riquiño, existindo certo consenso á hora de definir como era esta figura que deixou un enorme baleiro".

En contra, pode ter o feito de que a Real Academia Galega asegura que o adxectivo riquiño é unha palabra pseudogalega ao estar baseada nunha acepción da palabra rico que recolle a RAE pero non a RAG. Marcus Fernández rexeita esa barreira, tirando de eleccións anteriores que non saen no dicionario da lingua de Castelao: "Se comadre ou sentidiño poden ser a Palabra do Ano, riquiño tamén", afirma.

Precisamente, 'comadre' foi elixida a Palabra do Ano 2022. A verba impúxose sobre as outras cinco finalistas desa edición que foron autoestima, candorca, ecocidio, inflación e resiliencia.

Esta primeira fase é de suxestións que os galegos propoñen na web do ‘Portal das Palabras’. De aí, sairán os vocábulos finalistas que se levarán a votación popular entre o 12 e o 25 de decembro.

Tanto a academia como a Fundación Barrié promoven esta inciativa dende o ano 2014 a través da web para a difusión do léxico galego. Estas foron as palabras elexidas en cada edición: 'corrupción' (2014), 'refuxiado' (2015), 'irmandade' (2016), 'afouteza' (2017), 'deseucaliptización' (2018), 'sentidiño' (2019) 'nós' (2020), 'tanxugueiras' (2021) e 'comadre' (2022).