IN MEMORIAM

El Hematocrítico, un home feliz

As verbas do escritor Antonio M. Fraga sobre o seu amigo falecido onte, Miguel López: "Marchou o amigo xeneroso que sempre tiña un consello cando o precisaba"

Ledicia Costas e Miguel López ('El Hematocrítico') asistiron o pasado mes de outubro á gala de celebración do 170 aniversario de Faro de Vigo.

Ledicia Costas e Miguel López ('El Hematocrítico') asistiron o pasado mes de outubro á gala de celebración do 170 aniversario de Faro de Vigo. / Ricardo Grobas

Antonio M. Fraga

Chove no teu barrio. Ese barrio no que eu vivo e que ti deixaches hai tempo, mais que segue a ser o teu. Malia estaren afeitas á chuvia e ao vento, hoxe as rúas encóllense sobre si mesmas cun verniz tristeiro no asfalto, talvez de incredulidade.

Horas despois de recibir a nova conservo aínda o tremor no corpo, o vimbio na gorxa que me deixou a túa partida; así, sen te despedir sequera. Se até teño un whatsapp sen contestar sobre a última serie da que gozabamos á vez! Porque eras, Miguel, unha presenza constante no outro lado, alguén ao que por moito que te esforzases diariamente en lle escribir unha mensaxe xenial, sabías que sempre che contestaría con outra moito mellor. Así, sen se esforzar. Coma quen bocexa ou raña o curuto.

Lembro a tarde que nos presentou Ledicia, no coruñés Campo da Leña. Iades despois pasear pola beira do mar. Supoño que gardabas a intención de presumir ante ela desta cidade da que tan orgulloso estabas.

“Marchou o anfitrión xenial que convertía as ceas outsiders na súa casa en veladas inesquecibles”

Antonio M. Fraga

decoration

Tecestes, desde entón, unha complicidade máxica, case mística, baseada no amor, no respecto e na admiración mutua que sentiades. Escribías hai poucos días que estabas, exactamente, na túa vida soñada: “Unha parella de escritores, tomando un café mentres traballan, portátil contra portátil”.

Porque marchou o amigo xeneroso que sempre tiña un consello cando o precisaba. Marchou o anfitrión xenial que convertía as ceas outsiders na súa casa en veladas inesquecibles. Marchou o erudito da cultura pop, de saber enciclopédico, do que sempre aprendía algo novo: un filme, unha serie, un disco, unha banda deseñada... Marchou tamén, por suposto, o escritor talentoso que tan ben conxugaba paixón e vocación e que conectaba coma ninguén co maxín da rapazada. Mais, sobre todo, marchou un home feliz, tremendamente feliz. E é así como quero lembrarte.