Aberta a campaña para elixir a ‘Palabra do Ano’

Redacción

A Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié abriron a campaña para a elección popular da ‘Palabra do Ano 2023’, na que se poderá participar até o domingo 10 de decembro. Segundo informou a RAG nun comunicado, desta fase de suxestións, que promoven tanto a academia como a Fundación Barrié desde o ano 2014 a través da web para a difusión do léxico galego ‘Portal das Palabras’, sairán os vocábulos finalistas que serán levados a votación popular entre o 12 e o 25 de decembro. Esta campaña pretende identificar voces que incidan en cuestións destacadas da conversación pública do último ano, que o sinteticen ou estean relacionadas con algún novo fenómeno ou preocupación.