Un filme en galego loitará por primeira vez pola Concha de Oro en Donosti

Será “O corno”, da directora Jaione Camborda, ambientada na Galicia dos anos 70 | Está protagonizada pola bailarina Janet Novás e chegará aos cinemas en outubro

A directora destaca, nunha entrevista concedida a Faro que "foi unha película moi dura cunha rodaxe inzada de problemas"

Jaione Camborda na rodaxe de "O corno"

Jaione Camborda na rodaxe de "O corno" / Mario Llorca

Mar Mato

Mar Mato

O cinema galego segue a sumar puntos na súa historia máis excelsa. O novo fito, lograr que por primeira vez unha longametraxe en galego loite polo premio principal do Festival de San Sebastián. “O corno”, da realizadora Jaione Camborda, terá a súa estrea na cita de Donosti e aspirará a levarse a Concha de Oro, segundo comunicou onte a Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas.

Inda que nacida e criada no País Vasco, Jaione chegou a Galicia por amor á súa parella e xa non abandonou o noroeste namorada desta terra e do seu idioma que fala á perfección e que plasma nos seus filmes.

A protagonista da película, unha road movie que se estreará nos cinemas o 11 de outubro, é a bailarina Janet Novás que nos leva á Galicia dos anos 70 desenvolvendo o rol dunha parteira que ten que fuxir a Portugal.

Fotograma do filme "O corno", protagonizado por Janet Novas.

Fotograma do filme "O corno", protagonizado por Janet Novas. / Mario Llorca

Nesta nova edición da cita cinematográfica máis importante do Estado español, que se celebrará entre os días 22 e 30 de setembro, o filme de Camborda medirase con outras obras que prometen poñerllo difícil no camiño ao galardón.

Entre as contrincantes, atópase a nova película de Isabel Coixet. Curiosamente, será tamén esta a primeira vez que a multipremiada e afamada realizadora opte á Concha de Ouro. O filme elixido é “Un amor”.

Outra obra que competirá pola Concha de Oro será “O soño da sultana”, producida pola firma galega Abano Films (da produtora Chelo Loureiro que se ten feito con varios Goyas nos últimos anos) e na que traballaron dúas animadoras galegas se ben a dirección recae na vasca Isabel Herguera.

"'O corno' foi unha película moi dura cunha rodaxe inzada de problemas"

Jaione Camborda

Jaione Camborda, vasca que reside en Galicia, xa nos deixara coa boca aberta coa súa opera prima “Arima”. Lembran aquela película que xogaba co imaxinado e o real, rodada en Monforte e protagonizada por Melania Cruz? Agora, afástase dese cinema para transitar unicamente o mundo dos vivos pero con temores tamén en “O corno”. O filme –rodado en formato dixital, a primeira vez que o fai– convertirase no primeiro en lingua galega que compite pola Concha de Oro no Festival de San Sebastián.

–Cal foi o detonante desta historia?   

–Para min, era moi importante que a temática tivera un vínculo forte comigo. Son muller en idade fértil e o tema de poder dar vida relacionado coa morte estaba nos meus pensamentos. Trátase da necesidade de explorar esa capacidade e ter a posibilidade de decidir sobre ela.

JAIONE CAMBORDA CON JANET NOVAS DURANTE A RODAXE DE " O CORNO ".

JAIONE CAMBORDA CON JANET NOVAS DURANTE A RODAXE DE " O CORNO ". / J. Bernard

–A sinopse fala dunha parteira que nos anos 70 en Galicia ten que fuxir a Portugal.   

–É unha muller que axuda e coida a outras mulleres pero convértese nunha fuxitiva porque algo sucede. É unha etapa de prohibicións, no tardofranquismo. Convértese nunha buscada pola lei e aí a película adquire uns tintes máis clandestinos.A clandestinidade acompaña todo o filme e tamén a sororidade entre mulleres que van axudando a nosa protagonista.

–A bailarina Janet Novás pega un chimpo e actúa por primeira vez nun filme con personaxe principal. Por que ela?   

–Para o elenco, buscaba tanto actrices profesionais como non. Janet é unha persoa moi física, que vén moi ben para o personaxe. Ten un carácter, unha forma de estar no mundo, que casa moi ben con como é María, a protagonista. Ademais, non partía de cero: non actuara previamente no cinema pero ao ser bailarina contemporánea xa traspasara certas fronteiras imprescindibles para abrazar emocións cercanas á interpretación.

–Tamén se atopan no elenco Julia Gómez e Diego Anido.  

–Mezclo actores profesionais e non profesionais, o que ten os seus perigos pero quedei contenta co resultado. Julia ten un papel pequeno pero intenso. Creo que será unha sorpresa. O de Diego é secundario pero con grande importancia no filme.

–Por onde seguistes a ruta para rodar?   

–Ao ter que fuxir a protagonista, convértese o filme nunha road movie.O personaxe é da Illa de Arousa e estivemos rodando por alí e por Vilanova principalmente. Cando ten que fuxir recorremos diferentes zonas de Galicia ata chegar ao Baixo Miño. Tamén hai unha parte que sucede en Portugal e na beira do Miño, na fronteira.

–Foi unha rodaxe tranquila ou con moitas anécdotas?   

–Estivo plagada de problemas. É un filme moi complexo. Foi moi duro. Hai moita noite e os cambios de horarios foron duros para o equipo. Ao ser unha road movie, case cada día tiñas un escenario novo. Tamén había animais, bebés de poucos días... Foi un reto.

–Que supón para ti ter a première no Festival de San Sebastián?   

–É unha ledicia enorme. Son vasca, de Donosti. Foi onde descubrín o cinema e ver o meu nome na sección oficial é unha ensoñación. Penso que pode axudar a película a chegar a máis xente.

–Ser nai modificou a túa visión sobre o cinema (antes da rodaxe xa tivera un fillo e a principios desta semana deu á luz ao segundo)?   

–Neste filme que trata este tema foi moi revelador para min á hora de escribir tralo nacemento do meu primeiro fillo. É algo que cambia a túa vida por completo, cambia a túa mirada e conecta coa túa forma de vivir o cinema.

– “Arima” rodárase en analóxico; “O corno”, en digital. Como viviches o cambio?   

–Buscamos entre todas as cámaras e obxectivos para atopar a mellor estética que funcionara no filme. É a primeira que fago cinema dixital e foi un reto para min. Non estou esclavizada polo celuloide.

– Desde cando empezaches a querer facer cinema?   

–Foi un tema tardío; eu quería ser médico, pero por historias persoais acabei en Comunicación Audiovisual. No primeiro ano, paseime no laboratorio da fotografía analóxica todo o ano. Aí, namoreime da imaxe e decidín formarme en cinema na escola de cine de Praga e Munich.

Fotograma de "El sueño de la sultana" onde se ve unha acuarela de Donosti.

Fotograma de "El sueño de la sultana" onde se ve unha acuarela de Donosti. / abano

"El sueño de la sultana", a pola Concha con apoio galego

“El sueño de la sultana” será a primeira película de animación europea que competirá na sección oficial do Festival de San Sebastián, loitando pola Concha de Oro, e farao grazas ao apoio da produtora galega Abano Films.

Herguera fai referencia a unha obra que parte do relato homónimo publicado en 1905 por Begum Rokeya Hossain (1880-1932).

O filme preséntanos a historia de Inés, unha moza de Donosti que se atopa un pouco perdida. Un día descobre o libro "O soño da sultana", un clásico da literatura utópica feminista escrito pola activista musulmá Rokeya.

Na obra fálase do País das Mulleres onde as mulleres son científicas e toman as rendas. Inés decide marchar á India na procura da autora da historia.

A produtora galega Chelo Loureiro destacou onte que é unha película "artesanal" na que houbo que contratar animadoras -case todas as persoas desta sección eran mulleres- que pintararan como a directora. "Hai xente de diferentes partes de España e do mundo, incluída a India", dixo.

Loureiro engade que leva case dez anos traballando nesta película desde que Isabel Herguera lle ensinou o proxecto, que lle encantou: “Tiña feitas moi boas de animación curtas e era fan dela. Pensei que había que producir este proxecto xa que era moi complicado. Ela, ao principio, quería facer un ataque documental que fomos cambiando e convertendo nunha película”.

Naquel momento, dixéronnos que había que borrar a palabra feminismo do dossier da película"

Chelo Loureiro

— Produtora de "El sueño de la sultana"

Nunha década, os cambios sociais apoiaron o filme. “Esta é unha historia feminista e naquel momento dixéronnos que tiñamos que borrar do expediente a palabra feminismo ou non a comprarían. Fíxate como cambiou o país. Eu dixen que non se borraría. Foi duro pero ao final conseguímolo”.

En canto á animación 2D, presenta traballos en acuarela, recortables e unha mesa luminosa coma se fosen sombras chinesas, así como pintura mehndi, a das tatuaxes que se fan con henna nas mans na India

Suscríbete para seguir leyendo