“Matria” chegará en galego aos cinemas de Galicia e do resto do Estado

A película do vigués Álvaro Gago terá a preestrea en Vilanova de Arousa o día 16 para chegar aos cinemas na xornada do 24

María Vázquez e Álvaro Gago, na Berlinale.   | // JAVI QUIROGA

María Vázquez e Álvaro Gago, na Berlinale. | // JAVI QUIROGA / mar mato

mar mato

“Matria” naceu como curta e venceu no festival de Sundance en Estados Unidos e agora bota a andar convertida en longametraxe tralo seu paso pola Berlinale coa realización do director vigués Álvaro Gago. A quince días da súa chegada aos cinemas, xa ten asegurada a súa proxección en 20 salas do Estado Español, principalmente Galicia, onde se poderá ver na versión orixinal en galego.

Foron algúns dos datos que avanzaron onte fontes da promoción e produción do filme que explicaron que a preestrea co equipo está prevista para o vindeiro día 16 en Vilanova de Arousa. Porén, o público en xeral poderá comezar a vela na xornada do 24 de marzo cando chegue ás salas comerciais.

Por suposto, estará nas pantallas grandes das cidades galegas e principais vilas pero tamén naqueles lugares nos que o cinema xa desaparecera. As produtoras do filme buscan que auditorios e outros espazos poidan exhibila.

María Vázquez protagoniza "Matria".

María Vázquez protagoniza "Matria".

“O que queremos é que se manteña ao longo de moito tempo, disponible en pantalla grande por todo o territorio”, sinalou María Yáñez, a responsable de comunicación.

O produtor pontevedrés Dani Froiz comentaba onte que “queremos que se espalle en galego. É unha das cousas que máis vivimos en Berlín; quixemos que a nosa terra se vira representada. É unha aposta para que se vexa en versión orixinal nos cinemas de España”.

A película presenta a historia de Ramona, protagonizada por María Vázquez, unha muller da zona de Arousa que traballa nunha conserveira –foi rodada en Cambados, Vilanova, Vilagarcía e Pontevedra máis a Illa– e que afronta unha dura vida no fogar cun home alcoholizado e unha filla que marchou cansa de ter medo.