"Matria", do vigués Álvaro Gago, prepara o seu asalto á Berlinale e aos cinemas

O realizador presenta no festival de Berlín en febreiro o filme protagonizada pola olívica María Vázquez. "A Berlinale foi o primeiro festival ao que acudín como público", confesa

María Vázquez, na película.   | // AVALON

María Vázquez, na película. | // AVALON / mar mato

mar mato

O cinema galego continúa coas boas novas e a súa internacionalización. Ademais de “Sica”, película con historia e actores galegos rodada na Costa da Morte aínda que de directora foránea, a Berlinale deste ano amosará na gran pantalla outro filme da terra, este si galego ao 100%: “Matria”, do vigués Álvaro Gago. A longametraxe terá a súa estrea mundial no festival de Berlín entre o 16 e 26 de febreiro para xa en marzo, na xornada do 24, proxectarse nas salas comerciais españolas.

Na cidade xermana poderemos ver como a viguesa María Vázquez, Santi Prego, Soraya Luaces, Eduardo Cunha Tatán, Susana Sampedro e Francisca Iglesias (esta última, protagonista da curtametraxe homónima que deu pé ao filme) desenvolven este filme.

O director, Álvaro Gago, aseguraba onte a FARO sentirse “moi ilusionado”. “Levo cinco anos traballando por este proxecto, houbo moitas batallas, moito tesón e de súpeto temos unha estrea nunha sala importante. É marabilloso. Estamos moi ilusionados”, resaltou.

Álvaro Gago, o director.  | // AVALON

Álvaro Gago, o director. | // AVALON / mar mato

Será a primeira vez que este cineasta presente proxecto na Berlinale se ben coa curtametraxe “16 de decembro” si acodeu a Locarno e con “Matria” a Sundance, onde se fixera co premio do público.

O idilio de Gago coa Berlinale vén de anos atrás. “Si asistín como público. Foi o primeiro festival ao que acudín e foi cando estudaba en Londres. Tivemos un intercambio cunha escola de cine de Berlín e pasei alí 10 días marabillosos. Agora será moi especial regresar pero doutra maneira”, sinalou.

Preguntado sobre como o equipo recibiu a boa nova, Gago explicou que falara vía whatsapp e que no caso de María Vázquez esta mostrouse “entusiasmada” mentres que Francis amosouse “moi orgullosa”. Precisamente, Francisca Iglesias, foi a inspiración do proxecto. Ela coidara do avó de Álvaro nos derradeiros anos da súa vida e dende aquela gardan unha amizade. “Na casa do meu avó non atopou o fogar perfecto pero si un lugar onde xa non sentía a necesidade de protexerse”, explicou Gago.

“O corazón e a esencia da película son ela inda que para o traballo de creación tiven que desvincularme da súa figura a nivel conceptual para adoptar unha posición máis obxectiva. Pero iso non impide que sexa unha homenaxe a unha muller que admiro profundamente, que marcou e marca a miña vida. Ela é unha heroína anónima das que pouco se sabe; non saen nos libros nin nas noticia”, recalcou.

Precisamente, o que busca a película é poñelas en valor para que aflore a súa historia.

Rodada no val do Salnés, Vilanova de Arousa, Illa de Arousa, Cambados e Vilagarcía, así como en Pontecesures e Pontevedra, a película “Matria” bebe da curta homónima pero desvíase para presentarnos a Ramona, unha muller de 40 anos que vive nun contexto persoal e profesional tenso. Sempre sacrificou todo polo futuro da filla pero no filme plantexamos que ela empece a mirar máis por si mesma, polas súas crenzas, os seus gustos e que isto lle permita cuestionar pouco a pouco o establecido”.