...    
Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Miles de topónimos galegos corren o risco de perderse debido á despoboación rural

A Real Academia Galega e a Xunta piden a colaboración cidadá para rexistrar nomes de lugares, leiras ou montes | Ata agora 2.600 persoas achegaron 43.000 microtopónimos

Imaxe orixinal: foto de arquivo dunha rúa dun pobo ourensán Brais Lorenzo / I. A.

Os nomes de lugares, das terras, dos regueiros, das fontes, dos penedos corren un grave risco de desaparecer porque a maioría só teñen existencia na memoria das persoas maiores. As aldeas quedan sen xente; cada vez hai menos persoas que vivan da agricultura, da gandaría e a actividade pastoril nas serras está case desaparecida. Por estes e por outros motivos, cada día desaparecen ducias de topónimos, porque o que non se usa, acaba perdéndose, tal e como se explica en “Galicia Nomeada”, un proxecto da Real Academia Galega (RAG) e da Xunta para rexistrar nomes coa colaboración da cidadanía. Todo aquel que saiba como se chama un lugar e ese nome é descoñecido ou non está gardado en ningunha base de datos pode rexistralo directamente neste mapa de topónimos na rede (galicianomeada.xunta.gal). Un equipo de expertos encárgase despois de revisar achegas dos colaboradores/as.

Precisamente a Xunta, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e a RAG presentaron onte unha nova edición da iniciativa de divulgación da toponimia galega: “Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra”. Nesta ocasión céntrase en 17 concellos, os municipios que corren máis risco de perder microtopónimos debido á falta de poboación nesas zonas. “Nomes de montes, regatos, pedras corren risco de desaparecer, ben por sufrir unha forte despoboación nas últimas décadas ou por terse producido amplos procesos de transformación do territorio por ubicarse próximos a grandes cidades”, expresaron onte no acto celebrado na Coruña. Segundo Víctor F. Freixanes, presidente da RAG, trátase nesta campaña que chega á quinta edición de “difundir o valor da riqueza toponímica” e “involucrar a moitos colaboradores” neste proxecto colectivo de salvagarda dos nomes de lugares a través da aplicación “Galicia Nomeada”.

Para conseguir o apoio da xente, Freixanes e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, expresaron na presentación da campaña que se impartirán charlas nestes municipios; será Vicente Feijoo, coordinador técnico do Seminario de Onomástica da RAG e de “Galicia Nomeada”, o encargado destas conversas informativas. Feijoo contará coa colaboración do académico electo Gonzalo Navaza na elaboración das etimoloxías.

Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, e Víctor Freixanes, presidente da RAG, onte na sede da mesma. FdV

Traballo conxunto

Galicia ten unha riqueza excepcional na súa toponimia. Malia ocupar soamente un 6% do territorio de todo o Estado, contén sobre un terzo das entidades de poboación de España. “Isto no que respecta á toponimia maior, pero cando falamos da menor ou microtoponimia, a cifra crece exponencialmente, pois calcúlase que podemos salvagardar máis de dous millóns de topónimos vivos na memoria dos galegos e galegas; iso si, a meirande parte amenazados co risco de desaparecer debido ás transformacións dos modos de vida tradicionais na nosa comunidade”, explícase en “Galicia Nomeada”.

Valentín García expresou que dende que este proxecto está en marcha “conta con 2.600 persoas colaborando” e rexistráronse “43.000 microtopónimos”. O concello lucense de Pantón será o primeiro en recibir a charla, o próximo día 17. Constan na listaxe: Ponteareas, Rodeiro, Covelo, O Incio, Guntín, Forcarei, A Fonsagrada, Allariz, Castrelo de Miño, Chandrexa de Queixa, Laza, Sada, Fisterra, Ortigueira, Oleiros e Zas. “Coas 17 sesións que se van levar a cabo este ano, a campaña ‘Toponimízate’ chega xa a un total de 70 concellos”, lembran fontes da RAG. En Covelo a charla terá lugar o 30 de setembro, en Rodeiro o 7 de outubro e en Ponteareas o 9 de novembro; algúns dos concellos seleccionados, neste caso da provincia pontevedresa.

Freixanes destacou que cada nome “é un diálogo entre os avós e os netos” porque “leva detrás a historia dese lugar e a historia das persoas que o habitaron”. “A toponimia forma parte da nosa memoria histórica”, engadiu. O obxectivo, segundo as súas palabras, non é só recuperar o patrimonio senón “sobre todo” facer unha política de “sensibilización social”.

A ferramenta dixital “Galicia Nomeada” foi lanzada a finais do 2019. As máis de 2.600 persoas colaboradoras dende entón (con 43.000 nomes rexistrados), un exército de voluntarios culturais, achegaron nomes de 292 concellos galegos. Estas achegas resultan de especial relevancia naqueles municipios en que non se realizou o traballo de campo do Proxecto Toponimia de Galicia, como Marín, Vilaboa, Petín, O Irixo ou Silleda, por citar só algúns dos concellos onde máis achegas se fixeron. Neste último, Silleda, un dos principais colaboradores foi o Instituto de Educación Secundaria (IES) Pintor Colmeiro.

claves

  • Acción colectiva a través da internet

    Quen queira achegar nomes pode entrar na páxina web de “Galicia Nomeada” e incrustalos no mapa galego.

  • Achegas e actividade conxunta

    As persoas que participaron ata o momento informaron de topónimos e microtopónimos de 292 municipios galegos.

  • Previstas charlas en 17 concellos

    Agora 17 concellos recibirán charlas para que a xente se anime a dar nomes de lugares, montes, regatos, penedos...

Antón Santamarina. / FDV S. O.

“É doado de explicar: deixas de ir aos sitios e deixas de nomealos”

Antón Santamarina - Lingüista e membro da RAG

decoration

Antón Santamarina, experto en Lexicografía, membro da RAG e coordinador do Seminario de Onomástica, lembra cando se vían searas en moitos lugares, unha imaxe totalmente descoñecida para moitos e moitas galegas na actualidade. Por que se perden os nomes? “Galicia deixou de ser eminentemente rural. A Fonsagrada, de onde eu son, nos anos 20 do século pasado tiña 18.000 habitantes e hoxe baixa de 4.000. Hai aldeas que están baleiras e a xente non nomea os sitios. E os sitios deixan de ter nome”, explica.

–Pode saberse que porcentaxe de topónimos queda por rexistrar?

–En total pode haber en Galicia uns tres millóns de topónimos e a gran maioría non están rexistrados en mapas. É difícil calcular porcentaxes.

–Non só falamos de lugares, tamén de leiras, fontes, regatos, montes...

–Houbo unha época na que toda a paisaxe galega estaba humanizada. Había soutos, cavábanse searas, a xente andaba con rabaños de ovellas e cabras polos montes. Practicamente non había recuncho do país que non tivese un nome e claro... todo isto abandonouse. Hoxe ninguén cava searas, hoxe vas de Santiago a outro extremo de Galicia e non ves unha seara, nin sequera unha leira de centeo, de trigo...

–Unha seara é:

–Un anaco de monte no que todos os anos se cavaba... Repartían o monte e sementábano de centeo. Ías polos montes e vías extensións de varias hectáreas. Hai unhas fotos do ano 1956, cando fixeron un catastro. O ministerio correspondente contratou uns avións americanos que fixeron unha fotografía aérea de toda Galicia. Nesas fotografías aéreas pódese ver como era Galicia. Se comparas unha foto do 1956 cunha de 2020 a diferencia é asombrosa. Nesas imaxes vense moitísimas searas.

–Onde non se está deixa de existir...

–É doado de explicar: digamos que deixas de ir aos sitios e deixas de nomealos.

–Ocorre isto noutras comunidades autónomas?

–Non é equiparable por unha cuestión de dispersión da poboación. Galicia ocupa un 6% do territorio nacional (incluídas as illas) e ten aproximadamente un 30% dos topónimos do país, en nomes de entidades de poboación. Castela e León, por exemplo, abonda con ir en coche de aquí a Madrid para ver que son extensións enormes. Non aldeas de 4 ou 10 casas. Pode acontecer algo similar en Asturias e Cantabria, no norte. Pero no resto non tanto.

–É básica a colaboración da xente nesta recollida de nomes?

–Si. A única maneira de recoller é implicando a poboación. A xente pode subir nomes. Só hai que entrar na páxina de “Galicia Nomeada”, inscribirse, baixar o mapa e poñer o nome nesa cartografía. A resposta é positiva, sobre todo de centros de ensino interesados. Tamén se pode facer unha consulta específica neste correo: toponimia@academia.gal.

Compartir el artículo

stats