...    
Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O mapa dos topónimos máis orixinais: dende os escatolóxicos aos divinos

Vista de la ría de Vigo, Monte Alba y Cepudo Marta G. Brea / FDV

Recuperan nomes de montes, praias ou penedos que poden localizar desde xacementos arqueolóxicos a perigos mariños | A web de Galicia Nomeada suma 160.000 termos á rede

“Hai nomes como A Modia, A Arca, A Anta, A Medorra, que son sinónimos de mámoas ou dolmens e seguen a indicar a presenza de restos arqueolóxicos, así que a Dirección Xeral de Patrimonio e moitos arqueólogos en Galicia empregan a nosa microtoponimia para localizar e ubicar prospeccións arqueolóxicas; os topónimos dan indicios”, explica o coordinador da Unidade técnica de Toponimia da Real Academia Galega (RAG) e do proxecto Galicia Nomeada, Vicente Feijóo. “Tamén recollemos microtoponimia do mar e hai algúns que fan referencia o son que produce o bater do mar nas pedras. Chámame a atención un moi simpático na costa de Mougás, en Oia, que é “O Pita o Tren” que se produce porque o mar se mete nunha rocha furada e fai como un geiser”, completa. O Roncudo, o As Roncadeiras, ou As Asubileas, tampouco son máis que réplicas dos sons do bruído do mar. Outros que advirten de perigos mariños tan explicitamente como “Por onde non pasou Deus”, que se localiza en Aguiño, Ribeira, e en Bueu “Onde afogou o home”, ou en Marín “A Punta de papa meniños”, en relación á algunha desgraza gravada na memoria colectiva.

Os antepasados bautizaron en diversos momentos da historia os lugares que habitaban e cultivaban. De aí que a maior parte dos topónimos tiñan, e moitos aínda teñen, un significado axeitado á realidade xeográfica. Aínda que hoxe en día xa hai milleiros de topónimos opacos, é dicir, que non nos dan pistas reais sobre o que denominan, noutros persisten. O Proxecto Toponimia de Galicia (PTG) recolleu entre os anos 2000 e 2011 algo máis de 400.000 microtopónimos por toda Galicia. Un 60% deles xa foran incorporados ao visor da web “Galicia Nomeada” a finais do ano 2019. O resto estaban pendentes de dixitalizar, pois daquela a recollida de campo realizábase localizando os nomes á man en ortofotos aéreas en formato papel. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) incorporou agora na base de datos de Galicia Nomeada arredor duns 160.000 topónimos que foran recollidos na etapa do PTG e que xa están dispoñibles na rede. Así, o proxecto toponímico da RAG e a Xunta de Galicia xa suma máis de 500.000 topónimos xeorreferenciados para consulta e descarga libre. Máis de 30.000 topónimos foron aportados por galegos e galegas a través desa ferramenta colaborativa.

O proxecto da RAG e a Xunta xa suma máis de 500.000 nomes xeorreferenciados

Sorprende tamén, segundo engade Vicente Feijóo, a cantidade de nomes relacionados co inferno e, tamén, co paraíso. Esa dualidade galega tan hiperrepresentada. “Inferno” e “Paraíso” nomean ducias de lugares galegos. Ó igual que Bembrive en Vigo sitúa un lugar no que se vive ben. “Namorados”, en relación a pedras, como “A Pena dos namorados de Arcos”, en Ponteareas, está relacionado con lendas ou lugares nos que–probablemente– se celebraran rituais relacionados co amor. A retranca galega tampouco está a salvo das nomenclaturas. Así, “A Fonte da Preguiza”, por exemplo, expresa unha que bota pouca auga. “Rabo de Galo” ou “Cabeza de Vaca”, ambas en Ourense, están referidas á forma que debuxaban as terras, engade o experto. Máis escatolóxicos, pero reais, son topónimos tan curiosos como “O Penedo Onde Cagan os Homes”, ubicado en Muíños, Ourense; “Cagou Fóra”, microtopónimo de Tal, en Muros, ou “O Penedo dos Peidos”, ubicado en Pinzás, Tomiño.

Tamén intimamente ligado ó mundo de fantasía está a cantidade de “Penas do Encanto” –en relación á encantamentos e seres mitolóxicos como ‘mouros’– que existen en Galicia. Case trinta, que engaden petroglifos, minas ou furadas.

Nesta iniciativa en cifras absolutas, é Lugo a provincia con maior inclusión toponímica, con 60.167, seguida por Ourense con 43.000, A Coruña, con máis de 37.000, e Pontevedra, con algo máis de 19.000 topónimos. Por porcentaxe, o 75% dos concellos de Lugo recibiron algunha achega, fronte ao 59% dos da Coruña, o 56% dos de Ourense e o 44% dos de Pontevedra.

Sobre a riqueza de nomes de lugar en Galicia téñense feito moitas estimacións, que van desde os “cien mil nombres geográficos, separados, aunque no distintos” de que falaba o padre Sarmiento, aos “treinta millones de fincas, cada una con su nombre” que calculaba Filgueira Valverde, explican desde a iniciativa. Sabemos con certeza que vivimos nun país que ten un terzo dos nomes de lugar de toda España. Esta abundancia de topónimos viuse favorecida pola dispersión das entidades de poboación; pola orografía irregular e dificultosa do terreo... e tamén pola vontade de querer nomear cada anaco de terra. Pero a preocupante perda da microtoponimia tanto no medio rural coma no urbano preocupa. Boa parte dos topónimos menores só teñen vida na fala ou na memoria de persoas de idade, e con cada persoa que morre, ou que abandona a súa actividade no agro ou no mar, desaparece un bo número de topónimos. De aí a importancia desta iniciativa.

MICROTOPÓNIMOS CURIOSOS EN GALICIA:

  • Fenómenos do mar ou perigos

    “O Pita o Tren” - Oia “Por onde non pasou Deus” - Aguiño “Onde afogou o home” - Bueu “A Punta de papa meniños” - Marín


    Mundo fantástico

    “Mouros” - 662 lugares “Encanto” - 27 lugares “Tesouro” - 76 lugares “O Paraíso” - 34 lugares “O inferno” - 78 lugares


    Indicios de posibles vestixios

    “A Modia” “A Mamoela” “A Arca” “A Anta” “A Medorra”


    Escatolóxicos

    “O Penedo Onde Cagan os Homes” - Prado de Limia, Muíños "O Penedo dos Peidos" - Pinzás, Tomiño

Compartir el artículo

stats